Pepe Solla bautiza a nova tenda Pop-Up da conserveira ribeirense FRINSA en Sanxenxo

11 Agosto 2023

A conserveira de Ribeira FRINSA deu este xoves 10 de agosto un novo paso no seu proceso de espallamento a pé de rúa. Fíxoo coa inauguración oficial dunha nova tenda (FRINSA La Conservera) en Sanxenxo, en formato Pop-Up e en pleno corazón de Sanxenxo. Trátase, explicou o grupo, “dunha iniciativa de fronte ao consumidor final, que ten como obxectivo conseguir unha interacción máis próxima e poñer ao seu alcance a cultura conserveira e toda a experiencia premium de FRINSA”. A tenda abriu as súas portas o pasado 1 de xuño pero este xoves oficializouse a súa posta en marcha coa presenza do chef galego Pepe Solla, que fixo de mestre de cerimonias. A Pop-Up de Sanxenxo responde a un novo concepto de establecemento efémero “na que poderemos descubrir e probar todos os produtos do mar en conserva que ofrece un dos maiores fabricantes europeos de túnidos e mariscos en conserva, e que destacan pola súa máxima calidade”, explicaron fontes do grupo.

A Pop-Up está situada en pleno paseo marítimo da localidade, no 5 da rúa Porto, no paseo da praia de Silgar. A tenda abre 6 días á semana, agás os mércores, en horario de 10:00h a 15:00h e de 18:00h a 23:00h. Ficará activa ata o vindeiro 30 de outubro.

Co obxectivo de dinamizar ao cliente e dar a coñecer o establecemento e os seus produtos gourmet no concello pontevedrés, a conserveira organizou este xoves 10 de agosto un evento no que convidou a degustar, de forma totalmente gratuíta, a veciños, curiosos e turistas os produtos estrela da marca, como é o caso dos mexillóns, a ventresca de bonito ou as sardiñas en conserva.

O chef Estrella Michelin Pepe Solla, colaborador asiduo da marca e embaixador de luxo do evento, creou para a ocasión dúas versións de tapas diferentes que teñen ás conserva premium de FRINSA como absolutas protagonistas: A ensalada rusa de navallas e a sopa de hummus e zamburiñas.

Pepe Solla no novo establecemento galego de FRINSA

O evento gourmet conseguiu atraer a ducias de persoas, que pasaron durante toda a tarde polo establecemento e os seus arredores, conquistadas polas creacións de Pepe Solla. Ao evento acudían, tamén, os concelleiros de Turismo e Deportes do Concello de Sanxenxo, Juan Deza e Marcos Guisasola, así como unha ampla representación de medios de comunicación locais.

Na actualidade, e coa apertura da Pop-Up de Sanxenxo, FRINSA conta cun total de 12 tendas propias situadas en cidades estratéxicas para a compañía ribeirense. 11 destes puntos de venda atópanse localizados en España, 4 deles en Galicia. Trátase dos establecementos de Madrid, Valencia, Bilbao, Ribeira, Alacante, Murcia, Málaga, Vitoria, A Coruña, Santiago de Compostela e Sanxenxo.

A estes locais nacionais hai que sumarlle un internacional, o inaugurado en París hai tres anos. Está localizada na localidade de Saint Germain en Laye, ao oeste da capital francesa.

En todas e cada unha das tendas FRINSA La Conservera os consumidores poden adquirir e degustar directamente toda a variedade de produtos premium da compañía galega, conformada por marcas propias como FRINSA La Conservera, FRINSA Proteína Natural e Minerva.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

A morte, se pensas nela, se recordas ao amigo no cadaleito camiño cara ao máis alá ou seves ao teu pai deitado caladamente nun féretro de madeira nobre, diante dunha multitudede xente chorando, a morte -dicimos- fai estremecer a alma dos vivos, fai que se apague aluz...