O 17 de agosto celebrouse en Rianxo unha xornada de limpeza e concienciación ambiental a través da cal retiráronse refugallos do espazo costeiro situado entre a praia da Torre e o porto de Taragoña, grazas á iniciativa do Obradoiro de Emprego Dual Pazo de Rianxiño, que se está a desenvolver dende o Concello. O obxectivo foi mellorar a saúde ambiental deste espazo tan concorrido e próximo á vila para así promover a conciencia dos veciños e visitantes sobre as consecuencias do lixo mariño.

As 18 persoas participantes organizáronse para a recollida dos residuos nos diferentes espazos de areal, rochas e senda durante a xornada cun total de 2.660m de liña costeira recorridos e que se dilataron ata as 14:00h co resultado de máis dunha tonelada de residuos extraídos.
Destacan os residuos procedentes de acuicultura tales como cordas, redes, nasas, bandexas de cultivo, flotadores e demais útiles variados utilizados nesta actividade económica propia das vilas do litoral da ría de Arousa.
Outra parte importante do volume de residuos procedeu de envases de bebidas e comida abandonados polos visitantes do espazo, así como obxectos voluminosos e variados procedentes de vertidos incontrolados puntuais.
Segundo fixeron saber dende o Obradoiro de Emprego e o Concello, “a recuperación deste espazo liberándoo de lixo supón poñer á disposición da cidadanía un área de grande valor ambiental e paisaxística”.



