A contorna do faro de Corrubedo acolleu este xoves 31 de agosto unha xeira de traballo de voluntariado ambiental co propósito de controlar e eliminar da especie exótica invasora Carpobrotus edulis en áreas localizadas. A iniciativa enmárcase dentro da campaña Traballando pola mellora do patrimonio natural xestionada polo Grupo Naturalista Hábitat en colaboración co Concello de Ribeira e a Fundación Abanca.

“Na contorna do faro de Corrubedo, o Carpobrotus está a estenderse de xeito exponencial dende fai anos, comprometendo a biodiversidade e restrinxindo o espazo ocupado por especies autóctonas”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte.
Durante a xornada, na que participaron 120 estudantes e docentes da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), retiraron 3 toneladas e media desta especie incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Os restos vexetais foron xestionados por un xestor autorizado.
Todas as actividades teñen como obxectivo xeral a “implicación e traballo activo a prol da natureza a través do voluntariado ambiental, visitando en cada xornada espazos diferentes e centrando esforzos en tarefas concretas”, engadiu a edil.




