Este venres 18 de agosto iniciaranse na Pobra do Caramiñal os festexos do Carme dos Pincheiros 2023. O pregón será ás 21.00 horas dende o balcón da Casa Consistorial. Ao acto asistirán membros da corporación municipal baixo a presidencia do alcalde, José Carlos Vidal; Esther Calviño Sanlés e Iván Tubío Sanlés en calidade de pregoeiros; representantes da comisión de festas; e veciñanza.
Serán catro xornadas de festa, dende o venres até o luns 21.

O programa
Entre os grandes protagonistas do programa de actividades atópanse novamente os históricos xigantes e cabezudos do Carme dos Pincheiros, que volverán percorrer as rúas da vila en diferentes ocasións ao longo das catro xornadas festivas animando o ambiente cos seus bailes e interacción co público.
Destaca tamén a forte presenza da música con preto dunha vintena de agrupacións que animarán a localidade a ritmos variados: a Banda de Música de Calo, a Banda de Música de Vilaboa, a Banda de Música de Catoira, a Banda Militar da Brilat, a Banda de Gaitas San Pantaleón, Trécola, Xiada, Os Caraveiros, Arrancadeira, Os do Barro, Queicoa, a charanga Os Santiaguiños, as orquestras Los Españoles, New York e Furia Joven, e as discomóbil SuperFabriK, Chocolate e DJ Tito Maverick.
A imposición de escapularios aos novos confrades será o venres 18, ás 19.30 horas, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal, para, deseguido, asistir á misa solemne por tódalas persoas da confraría falecidas, cantada pola coral Lauda Sion.
Posteriormente, ás 21.00 horas, a atención trasladarase ao balcón da Casa Consistorial co pregón a cargo de Esther Calviño Sanlés e Iván Tubío Sanlés, estudantes locais a quen a Fundación La Caixa adxudicoulles dúas bolsas por situarse entre os cen mellores expedientes universitarios do territorio estatal (brindándolles a oportunidade de ampliar a súa formación no estranxeiro). A edil da Cultura explicou que esta decisión busca enxalzar a excelencia académica e que a mocidade se vexa reflectida e se motive na consecución das súas metas. Porase o foco nas prometedoras xeracións de pobrenses que son, “ademais, parte fundamental destes festexos, como se constata, por exemplo, nos San Juerguines”, comentou a concelleira.
Esta esperada cita será o sábado 19 con ruadas, sesión vermú, festa da auga, olimpíadas pincheiras e festa rachada.

A misa solemne na honra da Virxe do Carme oficiarase no domingo 20, ás 18.30 horas, no xa referido templo relixioso, e estará interpretada pola capela de música Lauda Sion. No remate, sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polas bandeirolas e a Banda Militar da BRILAT, xunto coa Banda de Música de Catoira e os xigantes e cabezudos, así como a colaboración da escola de danza da Asociación de Amas de Casa pobrense. Xa no peirao, realizarase a ofrenda das coroas de flores por parte de representantes da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores.
E, pensando nas crianzas, a programación destes días tamén inclúe xogos populares, a festa da escuma e a Pincheirolandia.
Este ambiente festivo chegará á súa fin, seguindo o costume, coa gran queima de fogos artificiais e co combate naval no luns 21.



