Fran Sieira, artista e bailarín, foi o encargado de dar lectura ao pregón que marca o inicio dunha nova edición das Festas de Verán de Ribeira dende o balcón da Casa do Concello.

Sieira iniciou a súa senda artística aos 8 anos na escola do Grupo de Baile e Música tradicional Tahúme de Ribeira. Dende entón dirixe espectáculos de baile e música tradicional galega. “Tahúme é a agrupación que me viu nacer e teño o pracer de dirixir dende hai 20 anos en Ribeira. Organizacións coma esta traballan arreo para conservar o noso patrimonio.” afirmou Sieira.
Co propósito de por en valor a cultura e tradicións ribeirenses, este ano recupérase o combate naval como parte do espectáculo pirotécnico e tamén terán lugar actuacións de bandas locais para a sesión vermú en distintos puntos da cidade.

“Todo isto non sería posible sen a axuda da comisión de festas, os servizos de emerxencia, os feirantes, a hostelería, o comercio, e un longo etcétera” explicou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, que lembrou que a cidade tamén contarán cun Punto Violeta nestas festas para informar, axudar e atender calquera caso de violencia machista. Estará situado no Centro de Saúde, con presenza de axentes da Policía Local e persoal especializado en violencia de xénero.
Asemade, do 2 ao 7 de agosto, de 20:00 a 21:00, as atraccións de feira estarán sen música para que os cativos e as persoas con TEA poidan gozar das mesmas con maior tranquilidade. O Concello tamén chegou a un acordo para que o aparcadoiro do Haley preste servizo gratuíto para estacionar vehículos venres, sábado e domingo ata as 06:00.



