A xunta de Goberno local de Boiro aprobou a concesión de bolsas a clubs deportivos federados correspondentes ao 2022. En concreto, o Concello de Boiro convocou unha liña de subvencións por concorrencia competitiva por importe de 63.050 euros para entidades e clubs federados do municipio.
A finalidade desta liña de axudas é “apoiar ás entidades deportivas sen fins de lucro na súa participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, económico ou estatal”, informou o Concello.
“Con estas bolsas que se veñen de conceder buscamos apoiar o funcionamento ordinario dos clubs para axudar aos gastos de seguros, xestión, material, aloxamentos e manutencións…”, afirmou o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo.
Entre os gastos obxecto desta subvención contémplanse os gastos federativos; seguros, salarios e seguridade social; gastos de xestión; gastos publicitarios; gastos de comunicación; gastos de vestimenta e lavandería; formación; ximnasio, fisioterapia e farmacia; material de oficina; compras de aprovisionamentos e material; gastos derivados de desprazamentos, hospedaxes, aloxamentos e manutencións; arbitraxes; premios, trofeos e agasallos; equipamento deportivo.
A xunta de Goberno deste mércores 30 deu luz verde á concesión das axudas, para as que os clubs terán un prazo de xustificación no que deberán presentar a documentación correspondente para acreditar os gastos subvencionados.



