A Administración local da Pobra do Caramiñal resultou beneficiaria dunha subvención para a promoción da igualdade que outorga o Ministerio de Igualdade a través da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
A concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, explicou que os fondos ascenden aos 90.944’46 euros e que irán destinados a sufragar o programa municipal A Pobra corresponsable.
Con este programa artéllanse os obradoiros destinados a favorecer a conciliación das familias en períodos vacacionais e días non lectivos. Nun plano máis concreto, cos ditos fondos financiaranse actividades como o campamento de verán Móvete deste 2023, ademais do Servizo de Madruga e o monitorado que atende o comedor durante o curso escolar.
Con relación a isto, a edil incide en que se afianza así a aposta do Concello pola conciliación co obxectivo de contribuír a compatibilizar a vida laboral e persoal de mulleres e homes.



