O colectivo Noia Limpa organizou o pasado sábado unha nova saída de limpeza de praias. Desta volta as e os integrantes da plataforma concentraron os seus esforzos nunha das contornas costeiras con máis afluencia de visitantes: o areal de Río Sieira (Porto do Son). A saída estaba especialmente dirixida á mocidade da comarca que participa en actividades na natureza e contou, segundo sinalan dende o colectivo, “cunha boa participación, logrando reunir a máis dunha ducia de rapaces novos”.

Gracias a esta saída de limpeza retiráronse do areal do municipio sonense máis de 10 quilos de lixo, entre os que destacaban especialmente diferentes restos de plásticos e microplásticos, cabichas de tabaco e pellets de plástico. Estes últimos, para quen non o saiba, son pequenas boliñas de aproximadamente o tamaño dunha lentella que se utilizan para producir outros produtos feitos de plástico e que, segundo lembran dende Noia Limpa, “supoñen un risco de contaminación e prexuízo para o medio ambiente moi alto, xa que son considerados microplásticos e poden ser inxeridos por animais mariños ou paxaros”. Aínda que nas costas atlánticas a súa presencia é aínda relativa, noutros lugares, como o Mediterráneo, supoñen xa un alto risco de contaminación.

Obradoiro de reciclaxe surfeira
Como dixemos, amais da saída, organizouse tamén un obradoiro de reciclaxe de parafina de táboas de surf, no que tamén participaron as persoas que asisten ás clases de surf, ademais da mocidade que tomou parte da saída de limpeza. Noia Limpa explica que “a maior parte das parafinas que se utilizan para as táboas de surf están feitas de derivados do petróleo, que rematan no mar e contaminan os ecosistemas acuáticos; este material pode ser reciclado e reutilizarse para facer novas parafinas para as táboas, que funciona igual de ben que as parafinas novas”. Neste punto, a plataforma pon o foco na mala xestión da parafina por parte dalgúns usuarios, que as depositan nos contedores de lixo tradicionais, “cando este produto debe levarse ao punto limpo”. O obradoiro do sábado, que coincidiu coa saída de limpeza na praia de Boca do Río (praia do río Sieira), culminou un traballo que se estende ao longo de todo ano, xa que dende o colectivo adoitan recoller a parafina usada para reciclar e crear novas pastillas que poidan ser usada polos amantes do surf, evitando unha maior contaminación no mar.

Colaboración Escola de Surf As Furnas
Para a organización desta saída Noia Limpa contou coa colaboración da Escola de Surf As Furnas, que organizaba o seu segundo Mercadiño de Surf de segunda man. Así, ademais da limpeza de praia e o obradoiro de parafina, organizouse unha completa xornada para a mocidade, que tamén incluíu o dito mercadiño, clases de iniciación e perfeccionamento de surf e unha sesión de música.
Apoio da Xunta de Galicia
Para a realización desta saída, a Asociación Noia Limpa contou cunha axuda do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.




