A Consellería do Mar destina este ano 7,5 millóns de euros a achegas para as empresas de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para “compensar o impacto dos incrementos de prezos pola guerra en Ucraína de distintas materias primas que son fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade”. Así o recolle a orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, co-financiadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sae publicada este xoves 24 de agosto no Diario Oficial de Galicia (DOG). “Estamos poñendo disposición do complexo mar-industria galego arredor de 15 millóns de euros para paliar os efectos do conflito bélico ao sumarse a estes 7,5 millóns os máis de 7,2 millóns destinados á frota pesqueira e ao sector dos cultivos mariños, recollidos en sendas convocatorias publicadas nas últimas semanas no DOG“, explican dende a Consellería, engadindo que os apoios para as empresas de comercio ao por maior e de transformación de produtos do mar permitirán “compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía, dos envases e embalaxes e de produtos necesarios para a produción como a fariña, o pan relado, os aceites de xirasol e oliva, o cloro que empregan as depuradoras ou os gases refrixerantes e osíxeno”.
A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100% do gasto subvencionábel para as pequenas e medianas empresas (pemes) e de ata o 80% nas de maior tamaño. O importe total da achega non excederá os 300.000 euros por beneficiario, con independencia do número de establecementos dos que dispoña. Tamén se verificará que non supere esta contía sumadas posibles subvencións percibidas noutras comunidades autónomas.
Os custos subvencionábeis deben estar relacionados ao 100% coa actividade propia da empresa no ámbito da transformación ou comercialización dos produtos do mar e atenderase ao consumo medio efectivo realizado en exercicios anteriores. O prazo de solicitude das achegas é dun mes a contar desde mañá e deberán presentarse por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).



