
Xa en primavera se anunciaban en augas Ibéricas e por cuarto ano consecutivo. O estreito de Xibraltar, augas de Sanxenxo, Ribeira, ría de Ferrol, etc., son escenarios nos que as candorcas xogan cos lemes das embarcacións deportivas ata partilos (algo que aos propietarios non lles acae moi ben) e os medios de comunicación dicimos -porque así o apuntan os coñecedores da vida, obra e milagres destes animais mariños- que interactúan. Destas interaccións saen arroutadas absurdas protagonizadas por “navegantes” que se consideran con dereito a lles devolver ás candorcas a súa propia medicina: disparos desde a embarcación -supostamente con armas de aire comprimido- sobre as candorcas ibéricas como resposta aos seus “xogos”, sen ter en conta que son animais protexidos.
Desde vai catro anos son frecuentes este tipo de interaccións, en moitos casos con rotura de lemes e algúns (poucos) afundimentos. O avistamento destes grandes animais prodúcese cando as candorcas navegan a rumbo cos veleiros, achegándose ao barco. É neste momento cando, supostamente, o movemento do timón ou leme chama a atención da candorca e comeza esa interacción que os científicos non se explican porque é, din, algo único no mundo desta especie animal.
Un comportamento inducido, no senso de que unha primeira candorca estabeleceu contacto cunha embarcación e, posteriormente, outras seguiron as “indicacións” da mestra, repetindo esa especie de moda que na actualidade se reproduce noutras partes dos mares do mundo por exemplares xuvenís e sempre, e diría que exclusivamente, con veleiros.
Outra versión sobre tal comportamento fala de “contactos traumáticos” de un exemplar adulto cun barco, o que se formula como un intento, senón de vinganza, si de repetir a experiencia tanto por parte dese mesmo exemplar ou doutros que aprenderon do que viron ou se transmitiron.
Tamén se baralla a posibilidade de que as embarcacións coas que interaccionan as candorcas leven caladas liñas iscadas de pesca que atraen aos animais, non por cuestións de ataques propiamente ditos.
Sexa como for, é indubidable que os propietarios das embarcacións non navegan con tranquilidade e temen o “ataque” (eles non falan de interaccións) das que moitos e por mor das lendas e o cine consideran “orcas (candorcas) asasinas” sobre as que se expresan en redes sociais relatando experiencias e sistemas para espantar aos cetáceos que van desde pinchalas con bicheiros ou outros obxectos ata o uso de material pirotécnico e o vertido sobre elas de gasóleo, cando non falan xa directamente de exterminalas “antes de que pase algo irreparable”.



