O Concello de Boiro colabora coa VI edición da Travesía a Nado Illa da Bensa que organiza o Club de Natación Boiro e terá lugar o vindeiro sábado 12 de agosto na praia de Carragueiros. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, acompañou esta mañá na presentación a Chus Lorenzo, da directiva do Club; Carlos Brión, director técnico; Brais Nieto, adestrador; e Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa.
A proba forma parte do XIX Circuíto Galego de Augas Abertas. O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, eloxiou o traballo do club e nadadores e a colaboración das entidades que patrocinan esta proba e a actividade deportiva no municipio. “Esta travesía a nado é xa un clásico no calendario dos eventos deportivos do noso municipio e ademais unha proba moi atractivo polo fantástico escenario no que se desenvolve”, afirmou o concelleiro.
O director técnico do club, Carlos Brión, explicou o desenvolvemento da proba, consistente en tres percorridos distintos. Un de 3.500 metros, outro de 1.000 metros e un terceiro de 200 metros para acoller as distintas categorías. “Contamos cuns 150 participantes e agardamos que se quede unha boa mañá para o desenvolvemento da proba nas mellores condicións”, afirmou.
Pola súa parte a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, destacou o traballo do Club de Natación Boiro que no último ano ascendeu á primeira categoría e acadou importantes premios.
“En Jealsa estamos moi felices de ver e apoiar os grandes éxitos deportivos e persoais que acadan os nosos deportistas e tamén os valores que o deporte fomenta”, recoñeceu.
A proba desenvolverase este sábado día 12 a partir das 11.30 horas na praia de Carragueiros.




