O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou este luns 3 de xullo os petróglifos A Gurita I e de Outeiro da Pedra Bicuda e as mámoas de Montemuíño, localizadas en terreos da Comunidade de Montes de Baroña en Porto do Son e inmersas nun proceso integral para poñelas en valor.

Na súa visita estivo acompañado dun grupo de investigadores, de técnicos locais e máis do alcalde Luis Oujo. O delegado definiu os xacementos arqueolóxicos de Porto do Son como “un dos máis importantes de Galicia debido á súa gran riqueza e a súa boa conservación”. Ademais, lembrou que o concello atesoura “o gran castro de Baroña”, que é, dixo, “un dos poboados castrexos máis populares e máis visitados polo seu emprazamento é único ao borde do mar”.
Tamén destacou que as actuacións levadas a cabo nos enclaves arqueolóxicos deste municipio “contribúen a dar a coñecer e poñer en valor entre o público xeral o rico patrimonio arqueolóxico co que conta Galicia”.

Respecto dos traballos levados a cabo para dar plena visibilidade a estes tesouros, sinalou que xa comezaron os labores de limpeza e control arqueolóxico das mámoas de Montemuíño, que contarán con visitas guiadas. Esta intervención consiste na limpeza do mato e de árbores, na retirada da biomasa e na limpeza integral da mámoa 1. A actuación contempla tamén a documentación audiovisual da intervención, accións de difusión, deseño e control da restitución volumétrica do monumento e a realización dunha memoria técnica.

Trenor lembrou que Porto do Son conta con máis petróglifos, como o de Braña das Pozas, ou os de Laxe da Sartaña. Ademais, sinalou, “a presenza de poboados da Idade de Bronce deixaron outros vestixios nestas terras, como mámoas en Iroite, a de Parada en Xuño, a de Raña en Baroña ou as de Campo de Patas, en San Pedro de Muro”.



