Ribeira conta cun novo restaurante: Beizos Gastrobar fusiona a cociña galega con toques de gastronomía asiática e mexicana para conquistar a veciños e turistas

07 Xullo 2023

Membros do equipo de Beizos Gastrobar que abre hoxe as súas portas en Ribeira.

Este novo local, rexentado por unha parella natural do concello ourensán de Verín que decidiu trasladarse recentemente á costa, abre hoxe as súas portas na capital do Barbanza.

A historia de emprendemento por tras de Beizos Gastrobar é singular. Javi Souto e Jeannette Martínez, naturais de Verín (Ourense), decidiron dar unha volta completa a súa vida e cambiar a súa vila de orixe por Ribeira para proseguir a súa andadura profesional no que mellor saben facer: a restauración.
O curioso neste caso é que nin Javi nin Jeannette coñecían a capital do Barbanza con anterioridade. Escolleron Ribeira para emprender simplemente porque se namoraron da localidade e da súa contorna. Barallaron, antes, outras opcións como a posibilidade de establecerse na costa do norte de Portugal ou nalgunha das localidades das Rías Baixas, pero finalmente foi Ribeira quen os conquistou definitivamente.

Referente de ocio e gastronomía, “esta cidade ten dinamismo e ofrece oportunidades en termos de negocio e empresariais que son imposibles, hoxe por hoxe, no interior de Galicia”, recoñece Javi.
Despois de dous meses de traballo previo, este venres abre as portas -xunto a Jeannette- dun local que aspira a converterse en referente de ocio e gastronomía en Ribeira ao ofrecer unha innovadora carta que fusiona a cociña galega con toques culinarios asiáticos e mexicanos.

O local, emprazado na rúa Diego Delgado, 4, inaugurase coincidindo coa época estival, pero con vocación de permanencia. “O noso obxectivo é establecernos aquí cunha proposta de restauración diferenciadora, que atraia tanto aos ribeirenses como aos veciños doutros municipios próximos e aos turistas”, afirma Souto.

Viños da D.O. Monterrei
Non lle é alleo o sector. En Verín rexentou durante catro anos un negocio cunha filosofía moi similar á que traslada agora a Ribeira, denominado Naverza. Un gastrobar situado na Praza da Alameda da vila do Támega, que funcionou moi ben en diferentes franxas do día, servindo almorzos, e tamén xantares e ceas, con petiscos e cunha completa carta na que non faltaban os viños da zona, os cada vez máis célebres brancos e tintos da D.O. Monterrei.

Precisamente, este emprendedor que hoxe abre o seu propio negocio en Ribeira quere traer un anaco da súa terra de orixe ata a costa e, por iso, na súa carta de viños non faltarán referencias de Monterrei. “Non son moi frecuentes nos locais da zona -afirma- e estou seguro de que os clientes saberán apreciar todo o seu potencial, unha vez os coñezan. Os godellos son magníficos e os tintos de Monterrei teñen unha demanda cada vez máis crecente”.

Horario
Beizos Gastrobar, que conta cun equipo de cinco persoas, abrirá de martes a domingo, entre as 10.00 e as 01,30 horas (estendendo o seu horario ata as 02,30 os venres e sábados) e conta cun aforo -interior e en terraza- para máis dun cento de persoas, cunhas 20 mesas distribuídas en todo o local.

Javi e Jeannette queren proporcionar aos clientes que se acheguen ata o seu negocio unha completa experiencia inmersiva. Entenden a hostalaría coma unha fórmula na que ofrecer non só comida e bebida aos que entren pola porta, senón como punto de encontro no que os clientes poidan desfrutar tanto de música en directo como de actividades de diverso tipo tales como demostracións de coctelería, concursos de tiraxe de cervexa ou catas comentadas de viño.

Unha pisca do Entroido de Verín
En Verín colaboraban activamente coa axenda de ocio e lecer da vila, pois Naverza – como local- sempre apostou pola cultura naquela zona como socio colaborador e patrocinador de iniciativas diversas tales como o Festival de Curtametraxes FIC Vía XIV. Esta mesma filosofía é a que pretenden achegar agora aos ribeirenses e turistas e, nese sentido, anuncian sorpresas. “Traeremos unha pisca da esencia do interior, do mellor que temos en Verín -que é o noso Entroido- ata Ribeira. Tempo ao tempo”, conclúe Javi Souto.

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.