
Eu, ao igual que moita xente da miña xeración, tivemos a oportunidade de coñecer unha Galicia cuxos montes eran un manto verde de toxo, pino pinaster, carballos, bidueiras, castiñeiros, loureiros, , etc., herdanza dos tempos nos que, consecuencia disque da última glaciación -vai máis de 10.000 anos- da era Cuaternaria, os montes galegos e os vales eran tundras e grandes extensións con vexetación esteparia e bosques de coníferas e frondosas resistentes ao frío. Xa no Holoceno pode constatarse en Galicia a presencia do pino pinaster e a bidueira, ambos os dous considerados hoxendía autóctonos desta comunidade autónoma.
A grande deforestación experimentada en Galicia foi consecuencia da actividade humana e a gandaría. E o pino pinaster ou pino do chao -de crecemento rápido- é produto que comeza a utilizarse nos séculos XVIII e XIX, segundo se constata en distintos estudos que relacionan esta especie -xa daquela- cos incendios e a capacidade de autorrexerarse das abondosas especies de frondosas do país.
O aproveitamento madereiro é evidente se temos en conta que mediado o século XX Galicia tiña máis de 1.200 empresas dedicadas á serra (serradoiros), o que facilitou o labor de prantación de especies como o eucalipto e o declive doutras coma o toxo de talo (cádavo), daquela moi utilizado na cociña (lareira) e nos fornos.
Foi a do eucalipto a máis prexudicial medioambientalmente (e rendible, económicamente) invasión dos montes galegos. Mais outra invasión esta producirse actualmente, esta de grande trascendencia e que está a crear graves enfrontamentos, como se evidencia na actualidade e que leva á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) a sinalar os fallos ás sentenzas anulatorias dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, recorridos pola propia ADEGA, ao igual que acontecera coa paralización cautelar dos proxectos monte Toural, entre outros, ditados pola Sala Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Estas decisións xudiciais están a ser criticadas mediante acusacións públicas -que citan os ecoloxistas galegos- da patronal eólica, a Xunta de Galicia e o sindicato CC.OO., declaracións que, para ADEGA, son “unha manifestación máis dos abusos e da política antidemocrática na que se basea o actual proceso de implantación invasiva da enerxía eólica en Galicia”, unha política enerxética, apuntan os ecoloxistas, aliñada exclusivamente cos intereses privados das multinacionais eléctricas , que lexislan en contra do interese xeral e que se manifestan reiteradamente nos últimos anos no recurte dos dereitos fundamentais da cidadanía, na opacidade informativa e na desregulamentación das normas que protexen o medio ambiente e o dereito de participación pública.
Os ataques e as descalificacións vertidas pola patronal eólica, a confederación de empresarios e mesmo polo sindicato CC.OO. contra o poder xudicial están a facer, afirma ADEGA, un fraco favor aos principios fundamentais da democracia representativa “sobordando a liña do respecto á separación de poderes e as institucións, por canto carecen de calquera fundamento ou proba e, nin tan sequera, entrar a rebater con argumentos xurídicos os contidos das sentenzas do TSXG que ven de anular proxectos industriais eólicos non conformes a dereito.
Tampouco aforran en descalificativos contra as entidades ecoloxistas e sociais que apelan á legalidade vixente na defensa do medio ambiente e do interese público fronte ós abusos das elites de poder, exercendo precísamente unha función que lle é propia á administración pública pero que esta vai abandonando.
ADEGA demanda respecto polo traballo e a función que cumpren as organizacións sociais e sen ánimo de lucro do país, respecto para todas as plataformas de afectados que nos últimos dous anos viron asoballados os seus dereitos e respecto á legalidade vixente e acatación das sentenzas.



