As Festas do Apóstolo 2023 arrincan este xoves 20. Farano cun pregón a cargo das integrantes do grupo de cantareiras e pandeireteiras Leilía. Será ás 22.00 h desde o balcón do Pazo de Raxoi. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto do recoñecido grupo xamaicano de reggae, The Original Wailers, fundado en 1963 por Bob Marley. As integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez serán as encargadas mañá de dar a benvida a unha nova edición das Festas que terán por diante once días de música, tradición, danza, cabezudos… así como os tradicionais espectáculos pirotécnicos das noites do 24 e do 31 de xullo.

As compoñentes deste mítico grupo galego foron escollidas como pregoeiras destas Festas “tanto polo seu arraigo na cidade” como “por formar parte do patrimonio musical e cultural de Compostela” e “polo seu papel como pioneiras na recollida e posta en valor dunha tradición oral e musical baseada nas xuntanzas que facían as mulleres para se divertiren nas aldeas galegas”. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto do grupo de reggae, The Original Wailers.
Trátase do primeiro concerto dunhas festas que contarán coa presenza de artistas da categoría de Sarah McCoy (venres 21), Angel Stanich (domingo 23) ou Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (luns 24), Cimafunk (martes 25), Tito Ramírez (mércores 26), Verónica Codesal (domingo 30) Xurxo Fernandes (domingo 30) e Bratzantifa Pongo (luns 31). Todos eles pasarán nos próximos días polo escenario da Quintana, ao que se sumará o parque de Galeras cos concertos de L.A. (sábado 22), Lucía Aldao (domingo 23), Anxo Araújo (luns 24), Seso Durán (25 xullo), Catuxa Solom (mércores 26), The Rapants (venres 28 ), Sila Lúa (sábado 29) e Apart (domingo 30).
Tampouco faltarán na Quintana as citas que xa son tradicionais como os concerto da Banda Municipal e a Real Filharmonía de Galicia, as orquestras na Alameda e actuacións musicais na praza de Mazarelos.
O programa tamén fará as delicias dos amantes da vertente máis tradicional coa celebración das Xornadas do Folclore Galego, do Día do Traxe Galego , do TRAD FEST ou do XLV Torneo da Chave, así como as populares alboradas e o desfile dos xigantes e cabezudos. A programación tamén ofrece outras actividades como o Festival Dron Gaelic GP Mundial.
A cita central cos Fogos do Apóstolo a noite do 24 e tamén a do día 31, así como as populares atraccións que desde o sábado 17 ata o domingo 31 de xullo poderán visitarse na Alameda, que este ano ampliará o seu horario inclusivo sen ruído a tres días, en concreto o 22, 28 e 29 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
O Concello tamén porá á disposición da cidadanía dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 20 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén sumarase un Punto Lila no parque de Galeras, que estará aberto entre o 22 e o 29 de xullo, en horario de 19:30 a 22:30 horas.
O programa completo está dispoñíbel na web do Concello.



