O Concello de Lousame aproba as mesmas dedicacións que en 2019: unha exclusiva para a alcaldesa e dúas parciais

13 Xullo 2023

O Concello de Lousame celebrou na noite deste mércores 12 de xullo a súa sesión plenaria organizativa na que se deu conta da conformación dos tres grupos políticos municipais: Partido Popular (con Teresa Villaverde de voceira e Esteban Ares e Ramón Manuel Martínez como suplentes), PSOE (con Ana María Domínguez de voceira e Juan José Prego e Iria Insua como suplentes) e Grupo Mixto-BNG (con Anxo Moledo como voceiro).

O pleno aprobou, os 6 votos a favor do PP e os 5 votos en contra dos grupos da oposición, o mesmo réxime de dedicacións do exercicio anterior: unha exclusiva de 40.000 euros brutos anuais para a alcaldesa Teresa Villaverde e dúas parciais, de 16.800 euros cada unha. “A dedicación para a alcaldía será a mesma ca aprobada pola Corporación no mandato anterior e as dedicacións parciais serán de 16.800 euros ata o 31 de decembro de 2023, que pasarán a ser de 21.000 euros”, sinalou a rexedora.

A voceira socialista, Ana María Domínguez, xustificou o seu voto negativo no feito de que “serían mellor dúas dedicacións exclusivas porque coas parciais a xente quizais non se sinta tan atendida”. Pola súa banda, o voceiro nacionalista, Anxo Moledo, amosouse partidario de “non subir esas cantidades ás dedicacións parciais e crear unha terceira”.

En canto ás retribucións por asistencia a órganos colexiados serán as mesmas ca no mandato anterior: 100 euros por asistencias a Pleno e 90 euros por asistencias a xuntas de Goberno local, comisións, mesas de contratación e xunta de concelleiros. Unhas cantidades aprobadas cos votos a favor do PP, os votos en contra do PSOE a abstención do BNG.

Periodicidade das sesións

Outro punto de debate na sesión foi a periodicidade das sesións, xa que o BNG presentou unha emenda na que solicitaba que pasara a ser mensual e se adiantara aos xoves. Tras un receso no que se consultou aos distintos concelleiros de todos os grupos, acordaron por maioría manter as sesións ordinarias o último venres dos meses impares, sendo a primeira sesión desta lexislatura a do mes de setembro. A voceira do PSOE aceptou o compromiso da alcaldesa Teresa Villaverde de que, se houbera algún asunto de entidade no mes inhábil para os plenos, serían tratados nunha xunta de voceiros.

O outro punto de debate foi o da creación das comisións informativas, as mesmas ca no exercicio anterior: unha comisión informativa de asuntos de competencia plenaria e unha comisión especial de contas. Ambas as dúas estarán presididas pola alcaldesa Teresa Villaverde, con tres representantes do PP, dous do PSOE e 1 do BNG. O voceiro nacionalista propuxo crear unha comisión informativa de seguimento da Mancomunidade do Barbanza, cuestión que foi rexeitada pola alcaldesa ao indicar que “a Mancomunidade é outro organismo diferente” e recomendarlle que se dirixise á Mancomunidade, ademais de lembrarlle que todos os grupos municipais están representados na asemblea xeral.

Organización do Goberno

A alcaldesa de Lousame deu conta da composición da xunta de Goberno local cos tres tenentes de alcaldesa: Esteban Ares García, Silvia Agrafojo Filgueira e Ramón Manuel Martínez Rial. A estrutura do Goberno queda organizada en 9 grandes áreas, das que Villaverde asumirá as competencias propias da alcaldía, urbanismo e persoal. As outras áreas de xestión serán asumidas polos tenentes de alcaldesa:

• Esteban Ares García, concelleiro de Economía, Facenda e Tramitación Administrativa.

• Silvia Agrafojo Filgueira, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación e Cultura, ás que suma as competencias en materia de Sanidade e Deportes.

• Ramón Manuel Martínez Rial, concelleiro de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados e Telecomunicacións, Infraestruturas Viarias, Seguridade Viaria e Parque Móbil; e de Medio Ambiente, Medio Rural e Protección Civil.

Pola súa banda, acordáronse dúas delegacións especiais. Así, Mariel Agrafojo Nieto será concelleira de Deportes e Parques e Xardíns, dependente da Concellería que dirixe Silvia Agrafojo; e José Antonio Ces Barreiro, concelleiro de Seguridade Viaria, Protección Civil e Parque Móbil, dependente da Concellería que dirixe Ramón Manuel Martínez.

Finalmente, Villaverde Pais deu conta dos representantes do Concello de Lousame nos órganos colexiados:

• Comisión Escolar do CPI Cernadas de Castro: Silvia Agrafojo (titular) e José Antonio Ces Barreiro (suplente).

• Xunta de Goberno da Mancomunidade Serra do Barbanza: Teresa Villaverde Pais.

• Os grupos municipais de PP, PSOE e BNG deberán comunicar por escrito os seus representantes na Asemblea Xeral da Mancomunidade.

• Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Silvia Agrafojo (titular) e Teresa Villaverde (suplente).

• Consorcio Galego de Benestar, Teresa Villaverde (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).

• Rede de Dinamización Lingüística, Teresa Villaverde (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...