O Goberno local de Boiro e a asociación inclusiva da nosa comarca Amicos van asegurar a a accesibilidade cognitiva nas mesas electorais coa instalación de pictogramas, o que converte o Concello de Boiro “no único da provincia e dos poucos de España que garante a accesibilidade plena en todas as mesas electorais”. O alcalde José Ramón Romero; o concelleiro, Raúl Treus; o representante do grupo de validadores de Amicos, Miguel; e a responsábel de centros de Amicos, Pilar Sampedro, presentaron esta a proposta este xoves 20 de xullo.

Segundo lembraron, o Concello levou a cabo diversos cambios na localización dos colexios electorais co obxectivo de dotar dunha maior facilidade o proceso electoral garantir a máxima seguridade e, especialmente, dispoñer de centros accesíbel para persoas maiores, cadeiras de rodas e persoas con diversidade funcional. “Estes cambios foron ben acollidos pola veciñanza e axudan a simplificar o proceso electoral e facilitar a votación a persoas con algún tipo de limitación”, afirmou o concelleiro Raúl Treus.
Os representantes do Concello e da asociación recordaron que nas pasadas eleccións municipais celebradas en maio deste mesmo ano, coa colaboración e asesoramento de Amicos, instaláronse nas 23 mesas electorais coas que conta Boiro pictogramas que garanten a accesibilidade cognitiva. “Comezamos no ano 2019 cando un cambio na lexislación permitiu o dereito a voto a persoas con algunha incapacidade”, afirmou Pilar Sampedro.
Miguel, do equipo de validadores dos pictogramas en Amicos, afirmou que “a accesibilidade cognitiva nas mesas electorais é importante para garantir que o voto das persoas con diversidade sexa libre”. Dende a asociación están a realizar a adaptación cognitiva de edificios e espazos públicos tales como centros de ensino e administracións públicas e co obxectivo de “facilitar a vida das persoas”.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, eloxiou o traballo que dende a Asociación Amicos realizan “por facilitar a vida a persoas e familias con diversidade funcional, este é un pasiño máis e imos a seguir traballando por mellorar a accesibilidade cognitiva e a inclusión nos distintos eidos”.



