Máis de 200 rapaces e rapazas participan no Campamento de Conciliación 2023 do Concello de Boiro que se realiza en Boiro, Cabo de Cruz, Abanqueiro e Cespón. A concelleira María Outeiral visitou esta semana aos rapaces e rapazas de Infantil do campamento no Santa Baia.
O servizo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos escolarizados co obxectivo de “facilitar ás familias un recurso de conciliación con horarios flexíbeis durante a época estival”. O campamento ofrece “unha alternativa lúdica, formativa e integradora de ocio e tempo libre aos participantes”.
As actividades do Campamento Concilia Verán 2023 desenvólvense este ano en catro espazos distintos, para adaptarse ás necesidades das familias. O CEIP Santa Baia, o CEIP Abanqueiro, o Centro Social de Cabo de Cruz e o CEIP Cespón son os lugares onde se leva a cabo o servizo entre o 3 de xullo e o 30 de agosto cun horario xeral de 10.00 a 14.00 horas e opción de entrada ás 8.00 horas para madrugadores.
As actividades que desenvolven os nenos e nenas participantes están baseadas en técnicas de intervención participativas e activas, coas que se fomenta a creatividade e os valores de respecto e solidariedade con enfoques non sexistas e planificadas segundo idades e necesidades socioeducativas.




