A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado no que valora positivamente a xuntanza mantida este venres 14 de xullo entre membros da directiva e do sector local da hostalería, da restauración e do lecer nocturno (integrados todos eles na Asociación) co novo equipo de Goberno do Concello. Na reunión foron esbozadas cuestións de interese para a patronal, como o proxecto do novo polígono, o desenvolvemento das festas, a seguridade cidadá e viaria, a situación das terrazas e normas para a hostalería, a nova sede do centro de saúde ou o futuro da vía de circunvalación. A patronal salientou a boa acollida que tiveron estas inquedanzas dos membros da entidade por parte do novo rexedor, Luís Pérez Barral, abríndose vías firmes de colaboración que deixan camiño libre para futuros encontros de traballo. Froito disto é a reunión que está prevista para o vindeiro xoves con vistas a abordar a cuestión do novo polígono, sesión de trabalo na que, segundo fixo saber a Asociación de Empresarios, “abordaremos o desenvolvemento de todas as accións a realizar para a continuidade desta obra tan necesaria para a nosa sociedade”.
En palabras da patronal, “congratulámonos da boa acollida que nos dispensou o novo equipo de Goberno, tanto o alcalde como a concelleira de traballo e Comercio, e dende aquí les agradecemos a súa predisposición para seguir traballando en colaboración para que o desenvolvemento de Ribeira non se vexa paralizado, pola nosa banda non faltará nin o esforzo, nin a dedicación que no desempeño da nosa responsabilidade como membros da asociación comprometémosnos a levar a cabo”.
No comunicado de valoración da xuntanza, a patronal tamén expresar o seu rexeitamento
ao feito de que o vindeiro sábado 22 non se celebre o mercadiño: “Pensamos que a concorrencia da celebración dunha festa co mercadiño pódense compaxinar perfectamente sen que unha cousa anule á outra, pero o que é peor é que dado como está a economía se prive aos comerciantes en xeral dunha xornada de vendas das que tan necesarios están, e todo iso sen comunicación algunha á nosa entidade e téndonos que decatar polos comentarios da rúa”. Así, aproveitaron para pedir ao alcalde “que anule
esta decisión herdada e a reverta para que se poida celebrar o mercadiño”.




