
Por Ana Chaves. Familiar de don Carlos
Permítanme que poña toda a énfase, toda a tinta, nese “Don” que o escritor-xornalistamestre Carlos García Bayón gañou a puro pulso. Talvez non coñezan coma min, ou como a xente que formou parte da súa vida e milagres, ese lado humano, de paisano, ese trazo campechano que conformou gran parte
da súa persoa ao longo e ancho da súa prolífica andaina vital e novelesca.
Oriúndo de Caldas de Reis, pero fillo adoptivo de Xuño, o seu emblema era: “Vivo, amo y moriré en Juno”, e o seu brasón o apelido “Bayón-Mosquera”.
A crianza de Carlos correu a cargo da súa avoa materna Dna. Carolina Mosquera, muller de gran personalidade e cultura. Ela foi un puntal básico na súa vida.
Profesáballe un gran agarimo, case devoción, ao seu neto. Del dicía repetidas veces: “Carlitos
será o meu epílogo”.
Dna. Carolina foi para Carlos o que a tía Leontina supuxo na obra de Marcel Proust, xa que os
recordos e as reminiscencias rodearon a vida destes dous xenios. De calquera modo “o perfume das madalenas” impregnou a vida de ambos. Eses saborosos biscoitos en forma de cuncha, cuxa peculiar orixe merece un capítulo aparte.
A cultura humanística do “León de Padín” (como se lle coñecía pola súa característica melena)
tivo gran aplicación nas clases maxistrais que impartía aos alumnos no seu colexio, adobiadas
con debuxos e mapas que a súa artística man plasmaba no encerrado. Que ameno era Don Carlos!
Explicaba e escenificaba a historia coma ninguén, ata tal punto que os nenos ao chegar a casa xa non necesitaban o libro para repasar esta materia.
Para finalizar este esbozo biográfico é xusto rememorar o que a aldea de Xuño supuxo para Don Carlos, e a relación próxima que tivo cos veciños: que había que sufocar un incendio, alí estaba Don Carlos; que había que solicitar unha pensión de viuvez, alí estaba; que había que reivindicar retiros ou xubilacións, alí estaba; se alguén necesitaba unha recomendación para obter un traballo, alí estaba; se alguén necesitaba acudir ao hospital a calquera hora da noite, alí estaba Don Carlos. E sempre apoiado por Dna. Lola, a súa compañeira e piar fundamental na súa vida. Non querería culminar esta descrición sen antes lembrar a Don Carlos paseando a diario A Barbanza, feminina, como unha nai, tal e como el a consideraba.
Neste Olimpo Barbanzónico, e como anécdota e broche final, Carlos bautizou aos cabalos que poboan esta terra como “kaiserianos”, polos singulares bigotes que ostentan.



