J.C.- A biblioteca do Club Náutico Deportivo de Ribeira acolleu este luns 3 de xullo a presentación da XII Regata CONGALSA – Volta a Sálvora, unha das citas clásicas na comarca do Barbanza e que presenta un programa de competición atractivo para a clase Cruceiro.

A directora de Relacións Externas de CONGALSA, Isabel Cañas, presidiu a rolda de prensa, acompañada polo presidente do Náutico de Ribeira, José Luis Torres Colomer, e que tamén contou coa presenza do comodoro, José Luis Lomba, e dos directivos da entidade deportiva, Justo Arevalillo e José Díaz.
“Esta é unha gran regata”, afirmaba Torres Colomer. “Máis que a volta a Sálvora eu definiríaa como a volta ás illas ou illotes, porque por suposto que damos a volta a Sálvora, pero tamén o facemos a Vionta, ao illote de Noro e tamén á illa de Rúa”, matizaba o presidente do Club Náutico.

Dos detalles técnicos encargouse Lomba, explicando que “a saída da Regata CONGALSA será este sábado 8 de xullo ás 14.00 horas, navegando a illa de norte a sur ou de sur a norte, dependendo das condicións meteorolóxicas. O importante é sempre facilitar a navegación e a seguridade polo exterior da illa”, dicía.
“En nome do director xeneral de CONGALSA, Luis Miguel Simarro, querería agradecer e felicitar ao Club Náutico de Ribeira pola organización impecable que levan ano tras ano desta regata, que xa se converteu nunha proba imprescindible no calendario de regatas galego”, dicía Cañas.

“Por parte de CONGALSA gústanos promover o deporte, na nosa comarca do Barbanza e a vela, en concreto, parécenos un deporte que achega uns valores que o converten nunha verdadeira escola de vida”, explicaba a representante da empresa con sedes na Pobra do Caramiñal e máis en Ribeira.
A XII Regata CONGALSA está destinada ás tres Divisións naturais da clase ORC: Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, tendo por derrota a volta á illa de Sálvora, con varias opcións de percorrido, dependendo das condicións meteorolóxicas e o estado da mar.




