“Como cambea o conto, negacionistas!”. Antón Luaces

29 Xullo 2023

Afeito ao clima grancanario, cando viñemos de volta a Galicia sentín frío en Cariño -o pobo no que tiven a sorte de nacer na Pedra- e o sieiro comíame os xeonllos e os cotobelos en Ribeira, onde me fixen mozo e case que home coas historias de Manolo O Sucuruco, as experiencias de Andrés O Caxado e o seu tío “ruso”, e o respecto que impoñía Juanito Ugía, mariñeiro en mil batallas na Pedra Pateira e co nordés barbeando a faciana barlampiña.

A gora, xa oitentón, comparo aquelas experiencias que me permitiron aprender a xogar á villa e diferenciar unha miñoca dunha serpe dos contos de vella chocha dos negacionista de todo e non  me queda outra que sorrir e cavilar no que diría don Juan Álvarez de Prado, mestre de moitas cousas na Ribeira dos anos 50, que tanto nos falaba do sol, das nubes, da lúa e a súa influencia nas mareas, do vento como “motor”  das dornas que el tan ben debuxaba e das potencias dos motores de aqueles barcos dos de Sofía, de Luciano, etc.

Para os negacionistas de hoxe -naquel tempo que cito só había franquistas que negaban os dereitos aos que perderan a guerra civil, máis incivil se cabe porque o foi entre irmáns-  o  cambio climático non é outra cousa que un dos inventos do “sanchismo” e o lume que arrasa o sur de Europa, o norte de África, Canadá e USA a consecuencia de non cantar o “Cara ao sol” coa súa camisa nova e non subir ás montañas nevadas coas bandeiras ao vento. Negacionistas sen razóns que non saben -ou non queren saber- que o mar  chegou estes días a temperaturas de 29 graos no Mediterráneo, oito menos nas rías galegas, onde  o mar sempre estaba frío para o baño e “cortaba” aos de fóra ata o punto de case non poderen falar por tal frialdade acuática. Para os da “casa”, nada novo nas praias de Coroso, Colomer, Fontán, Area de Secada, etc., onde “as augas” sempre “estaban frías”, como fría saía a auga nas fontes de Padín, O Rueiro ou Bandaurrío, máis aínda cando o vento viña da Curota e os meus amigos Uco e Enrique baixaban de Fondevila medioenvoltos na brétema da mañanciña.

Agora tres cuartas partes da península Ibérica,  cada vez máis seca e con noites de temperaturas  tórridas, rexistran máis de 35 graos – chegan nalgures a 40 e mesmo superan estes- e o norte e noroeste non pasan dos 25 graos e con  menos seca ca no resto do territorio peninsular.

O cambio climático tan evidente no mundo enteiro, con fenómenos como o “Niña” ou o “Niño” que de xeito tan claro obrigan a pensar que algo está a mudar neste noso planeta, son para eles cousas do “sanchismo” de ida e volta, ese que ían derrogar considerando que España segue a ser aquela águia moura coas gadoupas suxeitando as columnas de Hércules.  

O conto é outro. Vaia se é outro, e vai sendo hora de que todos teñamos consciencia de que o cambio climático , irreversible, ven para se quedar aquí, o que moito me doe pola herdanza que reciben  fillos e netos, en mala hora. 

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.