Este martes martes 4 de xullo vaise presentar en Ribeira O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978). Será no Bar Plaza (Ateneo Valle-Inclán) ás 21.00 horas. Contarase coa presenza de Pilar Ponte (docente do IES da Pobra e responsábel da iniciativa de inmersión lingüística 21 días co galego) e Xosé Antonio Váquez Covas.

Segundo adianta o propio autor, O libro negro da lingua galega tivo unha “excelente” recepción desde a súa saída, mesmo “inesperadadamente boa para un traballo de case 800 páxinas e que pesa un quilo cen gramos. Eu acho que esta acollida non se pode explicar sen a propia situación en que está o galego, que fai máis preciso un estudo coma este, pois responde con datos contundentes a toda a propaganda que nos botan ás costas”, indica Callón. A través destas páxinas, engade, “a longa restras de castigos, imposicións, queimas e barreiras ao longo dos séculos, mostra que o Estado español ten unha débeda histórica co galego, e esa débeda debe saldarse”.

O volume vai xa pola súa cuarta edición e foi motivo de 45 actos de presentación tanto por diferentes puntos da xeografía galega como máis alá: Bruxelas, Lisboa, Madrid, Rio de Janeiro, Salvador da Bahia ou Niterói acolleron encontros para falar sobre as súas páxinas. 2.771 persoas xa participaron destes lanzamentos.



