
Foto: Roberto G. L
Antón Luaces.- “Todos ben” e “tranquilos”. Así están os 15 tripulantes galegos, indonesios e suramericanos do palangreiro de fondo “Nuevo San Juan”, con base en Burela (Lugo) que, onte, domingo, foi vítima dun incendio probablemente causado por un cortocircuito, se ben este estremo ainda non foi ratificado polas autoridades marítimas e xudiciais irlandesas. Os 15 mariñeiros foron rescatados das dúas balsas salvavidas que ocupaban pouco antes de 8 de mañá do domingo e trasladados polo tamén pesqueiro galego, con base en Vigo, “Nuevo Confurco”, ao porto irlandés de Castletownbere, ao que chegaron ás 7 desta mañá.
Aos poucos minutos de atracar no porto irlandés, os náufragos camiñaron polas instalacións portuarias para desentumecer as pernas nunha mañá grisenta, anubada e pouco grata. Agora permamecerán no citado porto irlandés a disposición das autoridades marítimas e xudiciais ante as que deben dar conta dos feitos acaecidos, mentres que o patrón do barco realizará a manifestación formal do acontecido no sinistro.
No momento de redactar esta crónica non pode aseverarse o afundimento do “Nuevo San Juan”, por canto cabe a posibiidade de que, estinguido o lume, o casco do buque permaneza ao garete.
O “Nuevo San Juan”, de 31,5 metros de eslora, é un palangreiro de fondo da frota de NEAFC adicado á captura de pescada do pincho en augas de Gran Sol e o Golfo de Biscaia.
reportaxe gràfica: Roberto G. L.



