A ría de Muros e Noia volve mobilizarse este sábado 8 de xullo contra o vertido da mina de San Finx que, en palabras dos convocantes da concentración, “ameaza a todo o sector do mar polo seu impacto potencialmente catastrófico”.
A nova xornada de mobilización, este sábado na propia mina, foi presentada nunha rolda de prensa en Noia na que interviron Joám Evans, portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx; Santiago Cruz, patrón maior da Cofradía de Noia, e Isaac Gaciño, patrón maior da Cofradía de Portosín.

A plataforma comarcal contra os vertidos, encabezada polas confrarías de pesacadores, demanda que “a Xunta revoque a autorización de vertidos concedida á mineira australiana a comezos do ano, logo de que se incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses”, afirmou Joám Evans.
A plataforma alerta que a propia empresa “recoñeceu que non dispón de financiamento para acometer as obras e, de feito, a súa cotización está a mínimos históricos, cun valor de apenas 1 céntimo por acción”. Nestas circunstancias, consideran “temerario” que a Xunta manteña a vixencia da autorización, sendo evidente que a empresa “non dispón de medios nin solvencia para asumir as responsabilidades multimillonarias que implicaría a contaminación con metais pesados dos bancos de marisqueo”.
Por iso, anuncian “unha multitudinaria mobilización de protesta para o sábado 8 de xullo”, escollendo desta vez como escenario as propias minas de San Finx, en Lousame, onde se concentrarán ás 11 da mañá e cara a onde partirán varios autobuses desde a estación de Noia media hora antes, ás 10:30.
Desde a plataforma confían “nunha participación masiva que mande unha mensaxe clara ás administracións responsábeis”. A protesta incluirá un enterro simbólico dos produtos da ría que contará cos integrantes da compañía de teatro Os Quinquilláns, solicitando os organizadores que as persoas asistentes acudan vestidas de negro ou con roupa de augas.
Tamén haberá un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecida pola Cofradía de Noia, que avisa que podería ser a última “se se permite que os vertidos de San Finx acaben por realizarse”.
A xornada concluirá cunha marcha ata as presas de residuos mineiros abandonadas, onde se instalará unha pancarta alertando do risco catastrófico que supoñen e embotellarase auga procedente da mina para enviar ao presidente da Xunta e aos titulares das consellerías responsábeis pola situación das minas.




