
O coñecido cantante artista de Aguiño, Xandre Millet, será a persoa que este ano ofreza o pregón inaugural da programación do Concello de Ribeira polo Día do Orgullo LGTBI. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana Barreiro, nunha comparecencia ante osmedios na que estivo acompañada da directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras.
O pregón terá lugar o próximo mércores 28 de xuño ás 12.30 horas no salón de plenos do consistorio local. A edil avanzou que haberá sorpresas e que o pregoeiro tocará unha canción moi acaída e
reivindicativa, pertencente ao seu último disco recentemente estreado baixo título “Moi noso”.

Cristian de Samil
O outro prato forte do programa será o espectáculo que o venres 30 de xuño ás 21 horas na praza de España vai ofrecer Cristian de Samil. Barreiro comentou que aínda que está practicamente retirado,
o coñecido actor, cantante e transformista aceptou “facer un guiño a Ribeira” ofrecendo un espectáculo cheo de luz, color e humor no que cantará, bailará, mudará o vestiario e interactuará co público,
compartindo cancións tanto clásicas como actuais.
Por outra parte, o Concello vai decorar para a ocasión o xardín LGTBI que loce na praza Heroína de Sálvora e vai engalanar distintos lugares do municipio con bandeirolas e colgar a bandeira arco iris na
fachada consistorial..




