Esta fin de semana celébrase na nosa comarca unha das grandes citas deportivas da nosa comarca, non só polo número de participantes e a dificultade da proba (que son importantes) senón tamén polo alcance xeográfico e territorial que acada, xa que abrangue practicamente a totalidade dos concellos da nosa contorna. Estamos a falar de Os 100 do Barbanza, que se desenvolve este sábado 24 e este domingo 25. A saída e a chegada serán no Pavillón de Barraña (Boiro). Trátase dunha andaina de 100 quilómetros para percorrelos en 24 horas que discorre por sete municipios da bisbarra. Organizada o Club Deportivo International Trekjkers Barbanza Sar. A maiores do devandito “esta proba ultratrail ten como valor engadido a paisaxe onde se organiza, con mámoas, castros e cruceiros propios da tradición galega”, sinalan dende a organización. Quen o desexe pode ver o perfil do itinerario a percorrer, coas últimas actualizacións en Gretelplanner.com. Por certo que o día 6 de xuño confirmouse no Facebook de Os 100 do Barbanza que xa había 300 persoas inscritas, o que significa “aforo completo”.

Boiro, anfitrión
Boiro será o anfitrión da oitava edición da proba deportiva Os 100 do Barbanza que organizan os International Trekkers de Barbanza e Sar e que se celebra este ano os días 24 e 25 de xuño de 2023.
Os 100 do Barbanza é unha proba de trail de 100 quilómetros que se realiza en 24 horas e que este ano forma parte da Liga de Sendeirismo de Galicia e da Liga Ibérica. É un evento deportivo de ultrafondo e ultradistancia dos máis importantes do territorio nacional, e que supón un “desafío persoal e deportivo”, recoñeceu hai uns meses o presidente da entidade International Trekkers de Barbanza e Sar, Francisco Alcalde.
A historia desta proba, que pasa polos concellos de Boiro, A Pobra, Ribeira, Porto do Son, Noia, Lousame e Rianxo, remóntase ao ano 2014 e naceu co obxectivo “de dar a coñecer lugares senlleiros dos municipios, recuperar camiños esquecidos e tamén promover a paisaxe, a gastronomía, o turismo e a cultura da comarca”.
Segundo fixo saber o director técnico dos International Trekkers, Xavier Boullón, o percorrido de 100 quilómetros deste ano pasa por un total de 25 parroquias dos 7 concellos e conta cunha subida acumulada de 2.600 metros. “Trátase da única proba de 100 quilómetros que se celebra en España e que ten detrás un gran esforzo e implicación de todos os concellos polos que transcorre”, afirmou Laura Lado, vogal de sendeirismo da Federación Galega de Montañismo engadindo que se trata dunha importante cita deportiva non competitiva e cun máximo de 300 inscricións.



