O Concello de Ribeira informou da saída a licitación dos traballos para pavimentar e instalar saneamento na prolongación da rúa do Colexio en Corrubedo. Esta intervención ten un orzamento de 67.515,76 euros, IVE incluído, e ten un prazo de execución de tres meses.

O Concello en funcións explica que a día de hoxe a vía en cuestión ten un pavimento de terra con algún pequeno tramo de aglomerado asfáltico e o que se pretende e dotalo dunha nova pavimentación ademais de saneamento. Con tal motivo se colocará unha nova tubaxe de PVC liso de 315 milímetros de diámetro e a totalidade da via será aglomerada con aglomerado asfáltico sobre subbase de saburra.
As empresas interesadas dispoñen ata o 29 de xuño á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
O investimento foi incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2022.



