Ribeira acolleu este luns 5 de xuño unha das celebracións galegas do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora hoxe a nivel internacional. Na cita participaron, entre outras personalidades, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde en funcións Manuel Rivas. A actividade, celebrada na sede do Parque Natural de Corrubedo, foi un convite a todos os sectores da sociedade para “reducir o consumo de plástico para evitar o seu impacto sobre a contorna”. A xornada levouse a cabo no marco do ciclo Semana por unha Galicia sustentábel, organizada pola Xunta de Galicia co gallo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.

Durante a súa intervención no acto organizado polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) no Parque Natural Complexo Dunar e Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Ángeles Vázquez incidiu en que “a contaminación por plásticos e os seus efectos prexudiciais na saúde, a economía e o medio ambiente non poden ser ignorados”.
De feito, logo de explicar que “Nacións Unidas centrou este ano a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente nas posíbeis solucións á contaminación por plástico”, a conselleira puxo en valor “a unión e o traballo conxuntos da sociedade galega á hora de buscar as mellores fórmulas para afrontar os retos do futuro”.
A conselleira salientou o traballo de Viratec de “compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento respectuoso co medio natural baixo os principios da economía circular”. E engadiu: “O Goberno galego comparte este modelo e é moi consciente da importancia de manter un contacto permanente coas empresas e coas entidades sociais para o intercambio de experiencias e a posta en marcha de posíbeis solucións”.

Calcúlase que entre 19 e 23 millóns de toneladas de plástico acaban cada ano en lagoas, ríos e mares. Máis polo miúdo, a conselleira puxo como exemplo que cada minuto véndense un millón de botellas de plástico en todo o mundo e cada un deses envases tarda uns 450 anos en descompoñerse.
Ante isto, Galicia avoga por “avanzar cara a un modelo produtivo que supoña a redución de lixo de orixe industrial, o fomento da utilización de materias primas recicladas e do consumo de produtos feitos a partir delas e a aposta polo ecodeseño, que é unha peza clave na fase de produción para afondar na economía circular a través da prevención”.



