
Foto Juan Caballero
Ramiro Carregal Rey presentou no Real Club Náutico de Portosín unha nova edición da regata que leva o seu nome e que desde hai 23 anos rende homenaxe a un dos grandes fitos marítimos da comarca do Barbanza, o Faro de Corrubedo.
O acto tivo lugar no salón principal do Real portosinense, acudindo ao mesmo Ramiro Carregal, flanqueado polo presidente da entidade social e deportiva, Jorge Arán; o seu comodoro. Fernando González, quen deu as explicacións técnicas da regata; José Luís Torres Colomer, presidente do Club Náutico e Derportivo de Riveira, así como Manuel Dean, concelleiro de turismo en funcións de Porto do Son; José García, Vicecomodoro; e Isaac Gaciño, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Portosín.
“Nunca nos cansaremos de dicir o importante e vital que é a achega que fas a este deporte, co que conleva ademais de promoción cara ás nosas rías, froito do amor que Ramiro ten ás actividades náuticas e, sobre todo, con ese vínculo en común que son os clubs de Riveira e Portosín”, comentaba Arán.
“Esta é unha regata que naceu de amigos. Nos seus inicios contribuín a que os dous clubs organizasen esta regata, para a que non valen todos os barcos xa que entraña certa dificultade”, relataba Ramiro
Carregal. “Teño o orgullo de ser unha arenita neste club, porque lle teño moito agarimo”, finalizaba dicindo o gran mecenas da comarca en referencia ao pantalán de amarre que leva o seu nome.
Destinada á clase cruceiro ORC e puntuable para a Copa Galicia de Clubs, a XXIII edición da regata terá tres categorías en liza: Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, con algo máis dunha trintena de barcos
que xa confirmaron a súa participación.
O Top de saída á primeira proba darase ás 12 do mediodía do sábado 24 de xuño desde as inmediacións da bocana de entrada ao Club Náutico e Deportivo de Riveira, cun trazado costeiro entre as rías de Arousa e Muros e Noia de 22 millas náuticas, algo máis de 40 km., sendo a navegación libre, optando os veleiros, con toda probabilidade e dependendo das condicións de mar e vento, tentar acurtar a derrota
polo coñecido Paso de Sagres, que evita o percorrido externo pola Illa de Sálvora.
Beleza paisaxística polo litoral galego, navegando zonas tan espléndidas como as dunas de Corrubedo, o seu Faro, que lle dá nome ao Trofeo, os Castros de Baroña ou a chegada nas proximidades do Real
Club de Portosín.
O domingo 25 de xuño dispútase a segunda xornada, con dúas probas técnicas ao vento, tipo barlovento-sotavento e que arrincarán tamén ás 12 do mediodía, tendo como marco o interior da ría
muradá e noiesa.
O gran vencedor da xeral da edición do pasado ano foi un barco local de Portosín, o Siradella, de César Álvarez e Francisco Gude que gañou tamén na súa división de Regata. Na División dos Cruceiro/Regata, o titular foi o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte. E nos Cruceiro o vencedor foi o Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico Boiro.

Foto: Juan Caballero



