O Concello de Boiro contará cun punto violeta durante as Festas do Verán 2023, un espazo seguro de atención, acompañamento e sensibilización. A rapazada do grupo de voluntariado Turbina participou este xoves 22 de xuño nunha formación sobre o protocolo a seguir.
O espazo estará habilitado dende o 30 de xuño e ata o 5 de xullo, coincidindo cos festexos do verán. A súa finalidade será proporcionar información sobre como actuar ante un caso de violencia machista.
Este punto lila ten tamén o obxectivo de proporcionar acompañamento a aquelas persoas que o precisen.
Este xoves no Centro Social de Boiro, a directora de Exaria, Alba Pérez, impartiu unha formación para a rapazada do grupo de voluntariado Turbina no que explicou o protocolo específico para as Festas do Verán co obxectivo de proporcionar acompañamento ás persoas que o necesiten.




