Este mes de xuño, até o día 22, poderá visitarse na sala de exposicións do Auditorio de Rianxo unha exposición realizada polo CEIP ADR Castelao de Rianxo na que se mostra o traballo do alumnado e profesorado do centro durante estes tres últimos anos ao abeiro do programa Educación Responsábel da Fundación Botín co que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O dito programa da Fundación Botín inclúe actividades a prol da educación emocional, social e da creatividade. A biblioteca do dito CEIP formou parte desde o primeiro momento aportando os seus fondos, axudando a organizar actividades, acollendo as mesmas, aportando ideas…
“A biblioteca non é só un espazo, é algo máis e podedes ver o froito dese algo máis que facemos nesta exposición”, informan dende o centro educativo rianxeiro, engadindo que as persoas que queiran recadar máis información teñen ao seu dispor o sitio web da biblioteca escolar do CEIP.