
No marco da estadía de sete alumnos/pacientes da unidade de día do Servizo de Drogodependencias de Ribeira en Sálvora, onde están a desenvolver diversos traballos comunitarios, este venres 30 de xuño realizouse a visita de diversos representantes do Concello e outras entidades para observar in situ o labor que están a realizar na illa.

Formou parte da expedición a primeira tenente de alcalde en funcións, María Sampedro, o xefe de servizo da UAD, Jesús Cartelle; representantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, e o alumnado e profesorado do Obradoiro de Emprego Tahume VIII (impulsado polos Concellos de Ribeira e Porto do Son) das dúas especialidades: cociña (pois se están a encargar da elaboración das comidas e ceas dos usuarios desprazados a Sálvora) e montaxe e confección de redes.

Así, os alumnos desta última especialidade elaboraron un aparello do cerco que quedou colocado no Pazo de Sálvora para ilustrar aos visitantes sobre esta arte de pesca. Ademais, todos os presentes puideron compartir unha paella elaborada tamén polo alumnado de cociña.
Guiados polo profesor de carpintería, Manuel Casais, os alumnos da UAD están a restaurar o paseo de madeira que descorre cara á praia do Almacén, incluíndo a posta a punta da súa varanda, así como contribúen á preservación dos valores naturais do territorio insular a través da recollida de refugallos nos seus areais.



