Martín Sampedro Cambeiro, alumno de cuarto de Primaria do Colexio de Palmeira, foi finalmente o gañador da segunda edición do Concurso Escolar de Marcapáxinas promovido polo Concello de Ribeira no marco do Xuño da Cultura e as Artes.
O acto de entrega celebrouse na Biblioteca Municipal de Ribeira este xoves 8 de xuño ao mediodía, onde se expoñen as 277 propostas presentadas a este certame, no que participou alumnado asistente aos colexios de Artes, Palmeira, Frións, Sagrado Corazón, A Milagrosa e Galaxia.

A concelleira de Educación, Juana Brión, foi a encargada de facer a entrega do lote de libros e o diploma acreditativo que entraña o certame. Ademais, informou de que se imprimirán 500 unidades do marcapáxinas gañador para distribuír entre os usuarios da Biblioteca, ademais de regalarlle 30 ao seu autor.
Martín explicou a creación que fixo, na que debuxou unha montaña e libros voando ademais de aludir ao Día das Letras Galegas.




