O Concello de Rianxo vén de abrir o proceso de licitación da obra de Saneamento de Pousada 1ª fase, na parroquia do Araño.
O proxecto base de licitación está estimado en 222.357,39 euros, e rematará na presentación de propostas o día 29 de xuño, trala que está previsto que se celebre a correspondente mesa de contratación.
Segundo explica o equipo de Goberno rianxeiro en funcións, o proxecto prevé conectar á rede xeral do Concello no Carballal, previo cruzamento da estrada autonómica AC305, un total de 25 vivendas do núcleo en caída sen empregar ningún pozo de bombeo. Dende o Executivo tamén fan saber que unha actuación previa nesta estrada antes da construción das beirarrúas do Araño favorece este cruzamento.
Logo destes traballos previstos, o proxecto recolle a reposición en asfalto quente de todo o pavimento por onde discorre a obra. O prazo que se lles da ás empresas para actuar é de catro meses, unha vez sexa adxudicado.
O Concello en funcións engade que o proxecto “demorou por ter que buscar permisos para transitar por terreos particulares alternativos para realizar o enlace coa estrada no punto máis axeitado”.
Este proxecto forma parte do Plan Único da Deputación Provincial da Coruña-Concello de Rianxo.




