Fernando Cabeza Quiles presenta este venres “Toponimia de Ribeira”, no Centro Cultural de Ribeira

09 Xuño 2023

Os nomes de lugar do concello de Ribeira son o eixe temático dun dos novos volumes da colección Terra Nomeada, impulsada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. A obra será presentada este venres no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira ás 20 horas.

O autor, Fernando Cabeza Quiles, investigador fortemente vencellado á nosa comarca, profunda na orixe e no significado dos nomes das entidades de poboación da capital do Barbanza, dende as nove parroquias (Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira) ata os topónimos dos máis de 200 lugares que as compoñen, así como os que designan a lagoa de Carregal, a praia de Balieiros, o cume dos Forcados e as illas de Sagres.

Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora na edición de Terra Nomeada da Real Academia Galega.

Toponimia de Ribeira, que sae do prelo co apoio da Deputación da Coruña, é a terceira contribución do filólogo á colección, tras Toponimia da Estrada (2018) e Toponimia de Carballo (2020).

Curiosidades dos nomes de lugar en Ribeira

Segundo reflicte o investigador na súa nova obra, Ribeira conta “con varios topónimos únicos no Nomenclátor de Galicia”, entre eles “O Caramecheiro”, que hoxe dá nome a un barrio do norte da cidade de Ribeira situado a carón da praia de Coroso e que é probábel que aluda ao pequeno caracol terrestre, chamado na zona “caramecha das dunas” (Theba pisana).

“Listres” é outro topónimo que en Galicia só se rexistra en Ribeira. O nome deste lugar da parroquia de Aguiño quizais se refira á antiga existencia no lugar da planta chamada “lesta”, probábel voz de orixe prerromana, que daría igualmente os topónimos “Lista” e “Liste”, propón o filólogo.

“Cudieiros”, en Palmeira, é tamén un rexistro singular no Nomenclátor de Galicia. Segundo explica, pode vir de “cutinarios” e este do latín “cŭtina”. Estaría así relacionado coa palabra “codia” (cŭtina), que é a parte externa endurecida do pan, do queixo, etc., un anaco de pan reseso ou a tona dalgunhas froitas, aínda que tamén designa a parte exterior que recobre o tronco e as pólas das árbores. Así, o topónimo é probábel que aluda a unha superficie dura da terra.

Do carrizo ás baleas e os falcóns

Canto ao nome da lagoa de Carregal, Cabeza Quiles explica que este fai referencia á abundancia da cana silvestre chamada “carrizo” ou “cárrega”, propia de espazos lacustres e que outrora debeu ser máis abundante ca agora na lagoa. O topónimo “Balieiros” é, por outra banda, un zootopónimo referido ás baleas que antano frecuentaban as costas galegas. “A súa abundancia na costa de Corrubedo aparece reflectida nunha atestación do ano 1577 do Arquivo do Reino de Galicia”, apunta o estudoso. Polo que se refire á orixe do orotopónimo “Os Forcados”, tamén é bastante transparente, xa que fai referencia á forma bifurcada do cume do monte que designa; mentres que o nome das illas de Sagres é probablemente un zootopónimo que se refire á abundancia dun tipo de falcón usado na cetraría medieval chamado en latín “sacer” e denominado polo vulgo “sacre”.

A obra Toponimia de Ribeira está xa dispoñíbel en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

O autor estará acompañado polo presidente e o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, o alcalde de Ribeira, a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e o presidente de Apatrigal

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...