A Consellería de Cultura e Educación, a través dos seus distintos departamentos, programará durante este verán máis de 2.500 actividades que mobilizarán preto de 4M€. Así o avanzou este martes 27 de xuño no Parlamento de Galicia o conselleiro Román Rodríguez, poñendo o foco na nova marca CulturON, que dará acubillo (en colaboración con distintas empresas e administracións locais) a máis de 300 festivais de música, teatro e audiovisual, máis de 60 exposicións e ao redor de 70 iniciativas de teatro e danza.
Sumaranse 300 concertos, así como máis de 800 actividades de dinamización da lectura, de extensión das bibliotecas móbiles e das feiras do libro, preto de 300 actuacións no programa Cultura no Camiño e outros centos de actividades de creación, formación e investigación cultural, así como de patrimonio histórico.
O conselleiro de Cultura detallou, área a área, os plans previstos para os vindeiros meses e que teñen o Plan Xeración Cultura como fío condutor, dotado con 34M€. Nel, inclúense plans xa aprobados no primeiro semestre deste ano, como o Plan integral para danza de Galicia ou o Plan de impulso ao libro galego, e outros que serán presentados nos vindeiros meses, casos do Plan integral de apoio aos creadores culturais, do Plan de acción cultural no exterior ou do Plan de formación no ámbito da cultura.

Museos, bibliotecas e arquivos
No eido dos museos, dixo que este mesmo mes botarán a andar algúns grandes proxectos nos museos galegos como a exposición conmemorativa do Seminario de Estudos Galegos que se poderá ver na Cidade da Cultura de Galicia logo de rematar na Coruña Picasso branco no recordo azul, evento cultural do ano polo que pasaron 50.000 persoas en tres meses.
Dentro da atención ao rural, con programas como Territorio Cultura, o conselleiro adiantou que está previsto crear a Rede de dinamización cultural no rural. E dentro da estratexia para ampliar públicos e garantir o acceso á cultura a todas as persoas, estase cos trámites finais da Lei de cultura accesible e inclusiva para a súa próxima remisión ao Parlamento, engadiu.
O Plan de arquivos da Xunta de Galicia 2022/26, para mellorar a xestión destes centros e potenciar a difusión do patrimonio vinculado a eles, así como o II Plan Estratéxico 21/27 da Cidade da Cultura, foron outros dos asuntos abordados. “Queremos aproveitar as oportunidades da tecnoloxía como motor cultural e económico, e seguir poñendo en valor e divulgando o patrimonio galego”, engadiu sobre o futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia, “o primeiro deste tipo na nosa Comunidade e tamén pioneiro a nivel nacional”. Como explicou, “alí vanse desenvolver actividades innovadoras de apoio á creación dixital e está previsto que nas próximas semanas se licite o contrato para a redacción do proxecto para que os primeiros traballos estean en marcha a finais de ano”. Será unha das pancas de impulso da futura Lei de cultura dixital na que a Consellería traballa, apuntou.
Libro e lectura
En canto ao sector do libro, mencionou o novo Plan de impulso ao libro galego que inclúe unha batería de accións como a posta en marcha de novas residencias literarias na Illa de San Simón, a creación do Observatorio de Literatura Infantil e Xuvenil Iberoamericana da man da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) ou do Laboratorio de literatura infantil e xuvenil, en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ademais de A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles de Galicia que xa está circulando con éxito por unha vintena de concellos de Lugo e Ourense.
Audiovisual
Pola banda do audiovisual, Román Rodríguez indicou que xa se puxo a funcionar o 100% dos fondos do Hub Audiovisual e da Industria Cultural posto en marcha pola Xunta, o que se traduce nun investimento de 9,6M€ para fortalecer o sector e facelo máis competitivo. De cara ao futuro, salientou o papel que terá a Galicia Film Commission “para dar un paso máis na extraordinaria situación que vive o sector audiovisual galego”. Como primeira medida, en 2024 vanse intensificar os incentivos económicos para seguir consolidando Galicia como un escenario atractivo para a atracción de rodaxes, explicou.
Escena e música
No que respecta ao ámbito da escena galega, dixo que no contexto post-COVID fíxose un esforzo por manter os circuítos de promoción musical e escénica, que beneficiaron a máis de 412 formacións artísticas. En concreto, en 2022 actuouse en 155 concellos a través de iniciativas como Cultura no Camiño, Danza 3 e das Redes de Teatros e Auditorios, de Salas e de Música ao Vivo.
“A isto”, explicou, “hai que sumar a intensa actividade do Centro Dramático Galego, que celebrará en 2024 o seu 40º aniversario e que avanza nas súas liñas estratéxicas: produción, proxección exterior e difusión entre a cidadanía”. E engadiu: “En menos de dous anos o teatro público galego estreou nove producións propias con máis dun centenar de profesionais e participou en 30 coproducións que involucraron a máis de 150 creadores”.
Román Rodríguez referiuse tamén a medidas levadas a cabo tanto na escena como na música que terán continuidade como as aceleradoras musicais e de artes escénicas. No caso da primeira, púxose en marcha en colaboración coa Fundación Paideia e se están impulsando con boa acollida unha decena de propostas de novos talentos que, como adiantou, terá unha segunda edición que se convocará nas próximas semanas.
Aludiu tamén ao Plan integral para a danza de Galicia, xa elaborado en diálogo co sector, e no que o Centro Coreográfico ten asignado un papel central e contribuirá “á consolidación dun tecido cultural máis profesional, competitivo e sólido”.
Patrimonio e lingua
Respecto á conservación e difusión do patrimonio cultural, expuxo que o seu departamento “reforzou actuacións de posta en valor, restauración e investigación do noso legado artístico e cultural máis senlleiros”. E engadiu: “Nos últimos cinco anos investimos máis de 55M€ para a salvagarda do noso patrimonio e neste último ano actuamos sobre 115 bens en 93 concellos de toda Galicia”. Entre as principais novidades neste eido enumerou, a convocatoria este verán da primeira liña de axudas destinada a particulares para a conservación do patrimonio etnolóxico ou a execución dun Plan de actuacións arqueolóxicas con 40 intervencións en toda Galicia, entre outras.
Tamén se referiu aos avances nas distintas candidaturas a Patrimonio da Humanidade. No caso da Ribeira Sacra, declarou que “se está a continuar o proceso de reformulación para fortalecer aspectos técnicos que permitan acreditar os valores excepcionais con novos expertos”. Para iso, avanzou que “está previsto que no último trimestre do ano se celebre un congreso internacional no que participarán grupos científicos do ICOMOS e axentes do territorio”. Así mesmo, engadiu, séguese abordando a redacción das candidaturas de Ferrol da Ilustración cooperando con lealdade co concello e Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas para estar preparados en canto se poidan presentar á fase final.
No que atinxe ao ámbito da Política Lingüística, Román Rodríguez referiuse “á importancia de ter en marcha xa tres das primeiras ferramentas do Proxecto Nós para asegurar que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos”. A previsión, dixo, “é que despois do verán dea comezo unha campaña de doazón de voz a través de todo o territorio galego e tendo en conta as variedades dialectais”. Mencionou, ademais, iniciativas postas en marcha con grandes compañías do mundo audiovisual para favorecer a presenza do galego. Así, despois de que hai unhas semanas Spotify activase a opción en galego, avanzou que se vén de asinar un acordo coa plataforma Filmin para crear un espazo dedicado a contido galego ou subtitulado en galego.



