
Foto: Luís Polo
A gran festa da vela que convocou Ramiro Carregal para os empregados de Frinsa e as súas familias, atraeu a un bo número de brillantes regatistas que, nunha única xornada de competición trazada en sábado, relatou unha intensa travesía costeira polo interior da Ría de Arousa.
Esta vixésimo segunda edición da regata organizada polo Club Náutico Deportivo de Riveira, repartiu premios nas tres principais Divisións da Clase ORC, sendo en Regata o triunfador o veleiro do Club de Iates de Vilagarcía, Corsario, patroneado por Jorge Durán.
Segundo foi o Siradella, do Real Club Náutico de Portosín, armado por Francisco Gude e César Álvarez; sendo a terceira praza para o Bon III, o veleiro de Víctor Carrión que navega baixo a grímpola do Club Náutico Punta Lagoa.
Nos Cruceiro/Regata venceu o Orión, de Alberto Javier Pérez, do Monte Real Club de Iates de Bayona. O segundo banzo do caixón do podio quedoullo o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, que
navega co Club Náutico Arousa Norte. E o bronce foi para o Eibol, veleiro navegado por Jorge Carneiro, do Club Náutico San Telmo.
Nos Cruceiro subiuse todo o máis alto o Cinco Illas Albariño, que segue en plena forma grazas a labor do seu patrón e armador, Iñaki Carbajo, do Club Náutico Beluso. Segundo foi o Fixius, de Miguel Pérez-
Lafuente, do Real Club de Regatas de Galicia. E terceiro o Galopín, de Manuel Franco, do club anfitrión, o Náutico e Deportico de Riveira.
Saída puntual con vento do suroeste, con puntas de 12 nós e baixando en ambos os percorridos, un de 12 millas para os Regata e outro máis pequeno de 10 para os Cruceiro/Regata e Cruceiro que saíron, de maneira conxunta, 10 minutos máis tarde que os Regata.
A entrega de premios estivo presidida por Ramiro Carregal, quen ofreceu unha recepción a regatistas e empregados de Frinsa e as súas familias, nunha gran carpa instalada no Porto Deportivo de Riveira, agasallando cunha comida mariñeira tras a competición, que foi seguida de preto por dous grandes catamaráns cos invitados a bordo, gozando dunha xornada de mar única.

Foto: Luís Polo



