A confederación COGAMI que preside o sonense Anxo Queiruga compartiu un balance da actividade xerada na xeografía galega polas empresas en materia de emprego e inclusión de persoas con diversidades funcionais e cognitivas. Segundo fai saber a entidade, neste primeiro semestre de ano 2023 estase a apreciar un descenso no número de ofertas de traballo lanzadas polas firmas para a contratación de persoas, “o que desencadea unha baixada no número de insercións con respecto ao ano anterior”.

Así, durante o ano pasado, o Servizo de Emprego de COGAMI captou 549 ofertas remitidas polas empresas que concluíron coa contratación de 873 persoas realizadas a través deste servizo. Dende inicios deste ano a día de hoxe, rexistráronse 433 ofertas de emprego remitidas polas empresas, un 21% menos que repercutiu tamén no número de persoas contratadas, rexistrando unha baixada do 16%: no que vai de ano foron contratadas 730 persoas, 143 menos que no ano pasado por estas datas.
No seguinte cadro, pode apreciarse por oficina o número de persoas contratadas:
Persoas inseridas a través de COGAMI dende xaneiro de 2023 a día de hoxe
A Coruña 143
Ferrol 86
Santiago 93
Lugo 77
Ourense 104
Pontevedra 112
Vigo 115
Total 730
Polo que se refire á comarca do Barbanza, as cifras serían as seguintes:
Noia 7
Lousame 1
Rianxo 7
A Pobra 2
Ribeira 6
Total 23
Persoas apuntadas na base de datos
Noia 135
Lousame 16
Rianxo 68
A Pobra 61
Ribeira 137
Total 417
Segundo a coordinadora da área de Emprego, Mª Carmen Ínsua, esta diminución nas ofertas lanzadas polas empresas están relacionadas coa actual reforma laboral e a modificación nos contratos de traballo. Apunta Ínsua que, entre outros factores, “a modalidade fixo descontinua incrementou como alternativa á contratación temporal nas empresas, o que provoca que xurdan incompatibilidades á hora de acceder ás bonificacións á Seguridade Social, incluso no período de inactividade, que limitan as posibilidades de mellora con novas oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, xa que as empresas terían que agardar un tempo para acollerse a estas bonificacións”.
Un dos obxectivos da área de Emprego de COGAMI é sensibilizar ao empresariado para que incorpore persoas con discapacidade nos cadros de persoal das súas empresas. Segundo explica Ínsua “temos que rachar con falsos mitos relacionados coa discapacidade e sensibilizar para que se vexan as capacidades da persoa, poñan en valor o seu talento e ofrezan oportunidades”.
COGAMI conta dende o ano 1996 cun Servizo de Emprego no que traballan preto de 50 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego, sendo centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e autorizado como axencia de colocación. A día de hoxe, neste servizo hai inscritas como demandantes de emprego 17.614 persoas, todas elas cun certificado de discapacidade recoñecida do 33% como mínimo ou cun certificado de incapacidade laboral para profesión habitual que outorga a Seguridade Social. Durante este ano, esta base implementou 503 incorporacións.
Segundo datos extraídos por COGAMI, o perfil destas persoas apuntadas na bolsa de emprego sería: home (57%) cunha franxa de idade comprendida entre os 36 e 55 anos (63%), que vive nun concello de ámbito rural (63%) e con estudos primarios realizados (56%). “A franxa de idade que manexamos pode repercutir tamén negativamente cara á captación de ofertas de emprego así como a falta de estudos superiores”, apunta a coordinadora do Servizo de Emprego, quen engade que “tamén chegan ofertas con perfís difíciles de cubrir porque non hai”.


