Chaman a declarar no Xulgado nº3 de Santiago ao ex-director xeral de Minas da Xunta por supostas irregularidades en San Finx

23 Xuño 2023

Esta semana producíronse novidades importantes no caso da mina de San Finx, cuxo baleirado de augas autorizado pola Xunta está a xerar unha marea de rexeitamento entre a cidadanía, as confrarías, as asociacións ecoloxistas e diversas entidades locais. Segundo nos informou a Confraría de Noia, unha das principais impulsoras do proceso para deter os baleirados contaminantes, o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago vén de citar a Ángel Bernardo Tahoces, ex-director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta con Alberto Núñez Feijóo, para declarar en calidade de imputado por varios delitos de falsidade documental relativos ás minas de San Finx, en Lousame. Fontes do pósito tamén informaron de que no mesmo auto chámase aos outros imputados no caso, o xefe do servizo de enerxía e minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento.

Todos eles terán que presentarse nos xulgados composteláns o 21 de setembro por unha causa penal na que están convocadas como acusación popular a Cofradía de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, logo de que estas entidades denunciaran numerosos informes asinados polos imputados que, segundo apuntan, “contiñan información falsa sobre diversos aspectos da mina de San Finx”.

Estes informes, engaden estas entidades, “pretendían beneficiar á empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo. Isto a pesar de que a presa de formigón, de 50 metros de largo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores ata que se deixaron de presentar no ano 2000”.

A Confraría de Noia lembra tamén que “Augas de Galicia recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando a tan só 7 km da ría de Noia”.

O pósito denunciou igualmente que “estes mesmos funcionarios e alto cargo tentaron ocultar a existencia da contaminación con metais pesados, apoiando o argumento falso da empresa de que os altos niveis de elementos tóxicos terían orixinal, e insistiron unha e outra vez que non era necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental, algo que a propia Xunta acabou recoñecendo que era imprescindíbel para a continuidade da explotación”.

A Confraría de Noia recorda que tamén está convocada como acusación popular noutra causa dos xulgados de Santiago contra catro funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia por malversación, prevaricación e falsidade, así como nun proceso por delitos medioambientais que se instrúe nos xulgados de Noia contra a empresa mineira e os seus directivos australianos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...