As localidades barbanzás de Boiro e Noia estrean este mes de xuño os seus primeiros supermercados Alcampo. Este venres 2 de xuño, sen ir máis lonxe, abriu as súas portas a tenda situada na rúa Principal de Boiro, e o día 9 de xuño fará o mesmo o centro localizado na estrada De Loxe, s/n, de Noia.
Con estas aperturas, Alcampo pon ao dispor dos veciños de ambas as localidades e da súa área de influencia unha superficie de sala de vendas de máis de 1.600 metros cadrados, que será atendida por un persoal global composto por unha vintena de traballadores.

Os supermercados abrirán de luns a sábado en horario ininterrompido de 09.00 a 21.30 horas.
O centro de Noia ofrece en libre servizo unha ampla variedade de produtos frescos, droguería e perfumería.
Pola súa banda, a tenda de Boiro incorporará, ademais, mostradores tradicionais de peixaría e carnicería, queixos e charcutería, atendidos por profesionais de oficio, así como unha panadería autoservizo con venda a granel de produtos recentemente enfornados.
Alcampo dará aos seus clientes, nestes establecementos, a opción de escoller entre as máis de 12.000 referencias que se atopan nos seus lineais, “incluíndo unha ampla variedade de alimentación de produtos procedentes de lonxas galegas, gandeiros, envasadores, pequenos industriais e agricultores de Galicia”, explicaron fontes do grupo alimentario.

Todos os clientes poderán, ademais de comprar in situ na tenda, adquirir os produtos en alcampo.es, solicitar o servizo de compras a domicilio (dispoñíbel en Noia desde o 22 de xuño) e realizar, desde o 15 de xuño no caso de Boiro e do 22 de xuño no caso de Noia, recollidas programas nos propios centros. Para facilitar as compras, os supermercados dispoñen de estacionamento con capacidade para un centenar de vehículos.



