Antón Luaces.- O Consello de Ministros celebrado este martes aprobou a modificación do Real Decreto 36/2014, de 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro. Pola introdución dunha disposición adicional no devandito Real Decreto, amplíanse as atribucións aos patróns de pesca de baixura cando se adican á pesca de atúns e especies semellantes en determinados períodos do ano.
As pesqueiras do bonito dop norte e as que capturan túnidos e afíns en Canarias son amplamente practicadas estacionalmente pola frota pesqueira de baixura. Estas pesqueiras caracterízanse por presentar unha alta mobilidade, o que aconsella ampliar de xeito temporal as atribucións dos títulos menores de pesca para lles permitir o seguemento dos bancos de túnidos cando se atopen perto da costa española.
Os meses de ampliación para a frota que captura o bonito do norte son os comprendidos entre xuño e setembro, mentres que para as frotas que capturan túnidos e semellantes en Canarias a ampliación abrangue a franxa de meses que van de marzo a xuño.







