A Universidade da Organización das Nacións Unidas (ONU), a través do seu Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade, e o Ministerio do Medio Ambiente do Xapón lanzaron un libro sobre as mellores prácticas educativas a nivel mundial sobre a produción e o consumo responsábeis (Driving Sustainable Consumption and Production at the Local Level). Entre os 12 exemplos seleccionados de todo o mundo, a institución académica con sede en Tokio escolleu os elaborados en Galicia para sensibilizar á poboación sobre os impactos da minería contaminante, utilizando para iso o caso de San Finx, en Lousame, que, segundo lembran a Confraría de Noia e as entidades medioambientais comarcais e galegas “afecta gravemente á ría de Muros e Noia”.

Os materiais elaborados pola Fundación Montescola e o Observatorio Ibérico da Minería (MINOB) xa recibiron en 2019, 2020 e 2022 varios premios da Universidade das Nacións Unidas aos proxectos máis innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel.
Os materiais inclúen o libro infantil ilustrado A mina contamina, que se traduciu xa a sete idiomas desde o seu orixinal en galego, o espectáculo de monicreques e obra teatral baseados no conto, varias unidades didácticas pensadas para distintas idades e o documental San Finx 1960, que narra desde a memoria das xentes de Lousame o desastre ambiental provocado naquel ano por fállaa das presas de residuos mineiros hoxe abandonadas.
Todos os materiais pódense atopar gratuitamente na web do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, centro de referencia recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, así como na páxina do Observatorio Ibérico da Minería, proxecto desenvolvido co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.




