Nunha Sala Rosalía completamente ateigada de público, as mulleres da literatura galega tiveron esta tarde na sede en Vigo da Deputación de Pontevedra o seu gran recoñecemento na gala de entrega dos primeiros Premios Hai unha voz, promovidos pola Deputación e a asociación Clásicas e Modernas para recoñecer a pegada das mulleres neste ámbito. Marilar Aleixandre, Rexina Vega e a rianxeira Esther Carrodeguas recibiron de mans da presidenta en funcións, Carmela Silva, estes galardóns que poñen o foco na súa traxectoria e nos éxitos acadados o pasado ano.
O acto foi retransmitido por streaming e conducido polas escritoras do proxecto Literarias: Mariana Carballal, Isabel Blanco, e Silvia Penas. Na gala soou tamén a voz da cantante Guadi Galego.

Os premios, dotados con 5.000 euros cada un, xorden como unha das iniciativas do Manifesto de Soutomaior, promovido desde a institución provincial para “reivindicar a igualdade na creación e produción artística e intelectual e entre cuxos obxectivos figuraba o de esixir o recoñecemento das obras das escritoras galegas e da súa traxectoria literaria mediante premios”.
“Por iso estamos aquí hoxe”, sinalou Carmela Silva na súa intervención tras destacar as traxectorias das premiadas, “para recoñecer a tres grandes referentes que nos teñen impactado co seu traballo e co seu compromiso. Elas son tres mulleres rexas, potentes, que amosan o enorme talento que atesoura esta provincia e das que nos sentimos orgullosas. Son tamén exemplo da revolución artística e cultural que están a protagonizar as mulleres en Galicia”.
Esther Carrodeguas agradeceu á Deputación e a Clásicas e Modernas este galardón e amosou a súa alegría porque as súas compañeiras “significasen un premio literario a unha escritora teatral, xénero que adoita estar por debaixo de todo o resto de xéneros. Sentín, de feito, que este é un premio, tamén, á dramaturxia galega actual”. Carrodeguas tamén tivo palabras para recoñecer o Manifesto de Soutomaior, “un manifesto de mulleres que berran por chegar máis alá, asunto para o cal, non nos queda máis remedio que poñer en dúbida as normas” e para a reivindicación: “Por desgraza, a carreira das letras adoita facerse no tempo libre e moitas das compañeiras que estades aquí sabedes do que falo. Cómpre sen dúbida reflexionarmos sobre isto. Non podemos como pobo permitir que a cultura que nos constitúe se redacte no tempo que nos sobra”.
O xurado salientou a carreira da dramaturga e poeta rianxeira, posuidora dunha “sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade”. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.



