Con motivo do comezo das Festas de Boiro a patronal quere poñer o foco na necesidade de pór freo a unha nova problemática que prexudica ao sector comercial: a venda de produtos falsificados, que ano tras ano están á venda en moitos dos postos que se colocan nas rúas de Boiro durante estes días.
A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) xa trasladou ao Concello (tendo en conta que ten outorgadas as competencias en materia de inspección comercial en base a Lei interior de Comercio de Galicia) a súa preocupación sobre este feito e solicitoulle que “se actúe impedindo a venda de todo produto falsificado”.
E engaden no seu comunicado: “Se ben a ABE, como representante do comercio local, ten como responsabilidade alertar deste tipo de prácticas no noso termo municipal, deben ser as autoridades as que realicen as inspeccións oportunas e de ser o caso as correspondentes sancións”. Por este motivo solicitou ao Concello tamén se dea traslado desta problemática á Garda Civil, tendo en conta a súa experiencia previa, tamén en Boiro, en intervencións sobre esta materia.
A ABE lembra que “co inicio das Festas do Verán comezan as rebaixas e a venda de produtos falsificados, ademais de ilegal, resulta unha importante competencia desleal para co comercio local”.



