“Tomás Colomer Busóns: Ad Aeternum”. Olegario Sampedro

28 Maio 2023

De sempre mantiven un vívido interese pola vida logo da morte, a inmortalidade da alma e mesmo a resurrección. Dende as sacras referencias cristiás; o apego á ultratumba dos antigos exipcios, os golems e lobishomes centroeuropeos, e ata os arrebatos psicofónicos de Iker Jiménez. Pápoo todo sen pestanexar. Mais é tarefa en balde: a miña teimuda razón domina e fortalece un total agnosticismo sobre a existencia de vida celestial logo de que unha persoa sexa o protagonista dun obituario.
Non obstante, hai uns días, paseniño, e como sucede coa súbita traizón que produce o viño cativo, a miña perspectiva sobre a vida alén da morte mudou radicalmente: o noso benquerido amigo Tomás Colomer partira.
Pero, a onde? A miña lóxica e o meu raciocinio quedaron transmutados.
Como podía ser que un home que pertencía con abondosos méritos ao selecto club dos bos e xenerosos, e doante impenitente dun reconfortante sorriso, se fose así, sen máis? Como podía suceder que unha persoa que regalaba, sen excepcións, amabilidade, alegría e cariño deixase de existir sen un mal epílogo? Como podía ocorrer que un camarada, que acumulaba bonhomía a esportas e tiña o don de despregar un dos ollares máis elocuentes, nunca máis o faría? Como dixerir que un mozo que foi quen de converter o noso día a día en algo máis doce, amable, divertido, intelixente, humano e tolerable, desaparecese de súpeto como quen apaga a luz cun interruptor?.

Ante a marcha de Tomás, resulta incontestable que a razón está sobrevalorada, e que a estima, o afecto, o cariño, a simpatía e a empatía constitúen un argumentario moito máis convincente que a lóxica. Así, e dende o día 23 de maio, declaro publicamente que ostento o pleno convencemento de que si existe algo máis alá do óbito. Hoxe non dispoño de incertezas nin de dúbidas. Hoxe quero estar convencido de que Tomás andará facendo amigos polas leiras do paraíso prometido e merecido, e tamén estou plenamente certo de que estará movendo os marcos desas fincas celestiais para atopar os mellores acubillos e fanequeiras onde caibamos e esteamos a gusto, cando teñamos que partir, as moreas de persoas que o queremos. Agora non albergo ningunha desconfianza de que, nalgún deses escenarios, nos reencontraremos con Tomás e volveremos gozar do seu sorriso, das súas bromas, dos seus silencios cómplices, do seu amor e da súa amizade.
Grazas, Tomás, por querernos. Grazas por facernos entender que a vida cotiá é o que realmente paga a pena, e grazas por adornar a nosa existencia con tanta luz e tanta cor.
Sempre á proa compañeiro, boa singradura! Quéroche, Tomás, ad aeternum.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.