Un total de 36 centros educativos galegos intercambiarán boas prácticas docentes ao abeiro da segunda fase do programa Observa_Acción , convocado pola Xunta para fomentar o desenvolvemento das Competencias Profesionais Docentes e a aprendizaxe conxunta entre os profesores.
En concreto, o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, ao tempo que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino- aprendizaxe, xeitos de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros. Así mesmo, favorécese o traballo en equipo do profesorado con intereses compartidos e mesmo se abre a porta á colaboración con centros doutras comunidades autónomas ou países.
Nesta segunda fase, que se desenvolverá ata xuño, cada centro ten outro asignado co que intercambiará experiencias durante un máximo de dous días, mentres actuará como mentor e observador, compartindo, colaborando, reflexionando, observando e formándose mutuamente. O equipo implicado estará integrado por un representante do equipo directivo formando parte dun grupo de entre tres a cinco docentes que realizarán unha visita a outro centro educativo para observar a súa práctica profesional e implicarse nun diálogo que contribúa á mellora das súas capacidades. Esta fase será xestionada polo equipo directivo e coordinada polo Centro de Formación e Recursos correspondente á súa zona.
Na comarca participan os centros de Boiro IES Plurilingüe A Cachada, Outes CEIP Plurilingüe de Outes e Porto do Son CEIP Plurilingüe de Sobrado-Nebra.




