Porto do Son comezou o mes de maio cunha importante celebración: a XXI Xuntanza de Confraternidade para persoas maiores, que se celebrou este luns día 1, organizado polo Concello e xuntando preto de 800 veciñas e veciños do concello, amais de comensais procedentes doutros concellos da contorna, como por exemplo o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, que compartiu mesa co rexedor local, Luis Oujo.

No transcurso do xantar rendeuse homenaxe a varios persoeiros destacados do concello, entre os que se atopaban María Isabel Lestón, responsábel da Asociación Loa, Manuela Santiago, presidenta do Club de Xubilados de Porto do Son, Juan Pérez, irmán maior da Confraría da Paixón do Noso Señor, Francisco Olveira, fundador da Banda de Música de Caamaño, Emilio Queiruga e Isaac Gaciño, patróns maiores de Porto do Son e Portosín (respectivamente), e Carmen Conde, presidenta das Amas de Casa.

A Xuntanza de Confraternidade incluíu os seguintes actos principais: ás 12 horas, unha misa na igrexa de San Vicente de Noal cantada polo Coro Parroquial de Porto do Son e ás 14.00 horas o xantar na carpa situada no xardín da zona portuaria a vila sonense. Foi unha actividade gratuíta con servizo de autobuses para facilitar ao máximo a chegada das veciñas e veciños.




