A Asociación de Empresarios de Ribeira enviou un escrito á Consellería de Cultura e Educación (Xunta de Galicia) no que se lle solicita a implantación no CIFP de Coroso dun Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía en modalidade dual. A petición foi formalizada por Francisco Martínez Gude, presidente da patronal ribeirense, na que están integradas empresas locais do sector da hostalería e o turismo. O escrito, en palabras da asociación, responde “á alta demanda que temos por parte dos nosos asociados de persoal con formación en hostalaría e restauración”.
Estes son os motivos e obxectivos que apoian a petición para implantar en Ribeira un Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía en modalidade dual:
1. “O tipo de profesional demandado polo sector son persoas cuns estudos básicos (graduado en ESO), cun perfil de idade a partires de 18 anos e cunha madurez, responsabilidade e saber estar, propios desta idade, e de cara ao público e traballo en equipo”.
2. “Acadar o grao de desempeño necesario para atender as competencias propias da cociña dun restaurante con solvencia e autonomía”.
3. “Existe na contorna unha demanda de persoas traballadores/as relacionadas co sector, con idades comprendidas entre 20 e 30 anos, interesadas en mellorar a súa competencia profesional e en obter un título que os acredite”.
4. “Actualmente moitas familias e persoas teñen dificultades económicas e de conciliación para desprazarse ás cidades onde se oferta este ciclo”.
5. “Trátase de crear unha expectativa real no alumnado e no empresariado de cara a unha inserción laboral ao remate deste proxecto e atender as necesidades que está a demandar o mercado na comarca”.