O pleno municipal do Concello de Noia, reunido na noite deste xoves 25 de maio en sesión ordinaria, acordou por unanimidade aprobar a proposta de adxudicación do contrato de Axuda no Fogar do Concello de Noia á empresa Son a túa axuda SL polo prezo de 20,7 euros por hora ordinaria e 22,29 euros por hora extraordinaria. O pleno acordou que resulta a oferta máis vantaxosa de acordo coa baremación obtida no proceso de selección.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “procederemos a publicar o correspondente anuncio da adxudicación no perfil do contratante e trataremos de formalizar o contrato o máis axiña posíbel”. En todo caso, a devandita formalización materializarase despois da publicación no BOP do acordo por un prazo de 15 días hábiles.
O importe orzamento básico de licitación é de 1.552.489,73 euros e o prazo de execución é dun ano, prorrogable por un segundo ano adicional.



